A Subdelegación do Goberno en Lugo organiza unha xornada sobre o marco xurídico das violencias sexuais
Lugo, 30 de outubro de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou hoxe a Xornada formativa sobre o “Marco Xurídico das Violencias Sexuais: valoracións e probas en agresións sexuais”, organizada como parte das actividades da Subdelegación do Goberno en Lugo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Na presentación desta xornada, a subdelegada incidiu na necesidade de ampliar o foco de actuación “para rematar coa cultura da impunidade ante a violencia sexual, acompañando ás vítimas para que rompan o silencio e actuando de xeito implacable cos agresores”.
O evento contou coa participación de dúas recoñecidas expertas: Patricia Faraldo, catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña, e Victoria Lareu, catedrática de Medicina Legal da Universidade de Santiago, que abordaron temas clave sobre a violencia de xénero e sexual, desde unha perspectiva xurídica e científica.
Na súa intervención, a subdelegada sinalou unha vez máis o impacto devastador da violencia de xénero no país: só en 2024, 38 mulleres foron asasinadas por violencia machista, sumándose ás 1.282 vítimas contabilizadas desde 2003. Así mesmo, informou que se produciu na provincia un aumento nas chamadas ao 016, con 438 rexistradas este ano. Así mesmo, na provincia de Lugo hai 182 agresores persistentes (con máis dunha vítima), “unha realidade que subliña a urxencia de abordar a problemática desde múltiples frontes”.
Rodríguez tamén resaltou o compromiso do Goberno de España na loita contra as violencias sexuais, destacando políticas pioneiras como a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, que sitúa o consentimento no centro. “A violencia sexual esixe un cambio cultural e social, e unha educación en igualdade desde a infancia para previr e romper coa cultura de impunidade”.
Finalmente, Rodríguez chamou á unidade de institucións e cidadanía para defender os avances en igualdade e políticas feministas, asegurando que “queda moito por facer, pero non daremos un paso atrás nesta loita”. Ademais, destacou o respaldo do Goberno de España aos municipios da provincia de Lugo, que recibiron máis de 240.000 euros do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nesta última convocatoria para desenvolver programas de actuación fronte a todo tipo de violencia contra as mulleres.



















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



