O acerto goleador de Pitero, cun fantástico dobrete, guiou aos burelistas, que fixeron un grandísimo partido e completaron a vitoria con tantos de Malaguti e Isma

www.ernestoaradilla.com
Burela, 27 de decembro, 2024. O conxunto masculino do Burela FS trouxo unha importantísima vitoria da súa segunda visita da tempada a terras catalás. Se no Palau Blaugrana barcelonés quedaron moi preto de puntuar, na localidade veciña de Santa Coloma de Gramanet conseguiron vencer ao Industrias (3-4), nun Pavelló Nou practicamente inexpugnable ata a data, grazas ao acerto de Pitero e a un despregamento físico descomunal dun equipo que xogou cunha rotación moi mermada polos problemas físicos que arrastra Juninho e que terminaron por complicarse durante o quecemento. Con este segundo triunfo consecutivo a domicilio, os burelistas suman xa 13 puntos cando aínda restan por xogarse tres partidos da primeira volta.
Os discípulos de David Rial executaron unha primeira parte moi seria, na que souberon conter as acometidas do rival e xerar perigo á contra. No primeiro minuto xa o probaba Malaguti, pero atopábase coa resposta de Borja Porta. O meta catalán sería o protagonista da seguinte ocasión de perigo, cun disparo afastado que repelía coas súas mans Kaluza. O porteiro catalán e o benaventano Malaguti cruzaríanse de novo no minuto 4 nunha contra guiada por Rikelme na que deixaba só ao zamorano, pero no man a man metía unha perna salvadora para o seu equipo Borja Puerta.
O primeiro gol do cadro visitante merodeaba a área local e chegaría no minuto 7 nunha acción coral dos Pícaros, que realizaban unha grandísima saída de presión a través dunha parede entre Charly e Araya. O chileno conducía o balón, combinaba con Pitero e o canteirán, só ante Borja Puerta, non perdoaba e anotaba o seu primeiro tanto na competición ligueira.
Co gol en contra, Industrias aumentou paulatinamente a súa presión, pero os intentos de Puchy, o xogador máis perigoso dos colomenses na primeira entrega, atopáronse sempre con Kaluza. Así foi no minuto 12, á saída dun córner, e no último minuto, cando o internacional polaco realizaba unha fenomenal dobre intervención.
O segundo tempo comezou cun auténtico xerro de auga fría para os mariñáns, que vían como Uri Santos igualaba antes de que se cumprise o primeiro minuto de xogo cun remate que pegaba no pau e ía para dentro. Con todo, non baixaron os brazos e no 24 volvían poñerse por diante co segundo tanto de Pitero. O canteirán baixaba un balón en longo de Isma na liña de fondo cun control no que se ía de Corso e acababa marcando cun toque sutil que se coaba por baixo das pernas de Borja Puerta, na única físgoa que había.
O segundo gol sentoulle de marabilla aos de David Rial, que puideron aumentar distancias nun balón que lle quedou franco a Malaguti na frontal da área, pero o seu remate íase moi alto. Era un aviso porque dous minutos máis tarde, á saída dun córner, non o pensaba dúas veces o de Benavente e empalmaba un disparo desde uns 12 metros ante o que nada podía facer o cancerbeiro catalán.
Co 1-3 no electrónico, Kaluza tivo que intervir ante Povill e Puchy, mentres que respondían os bureleses con dous contragolpes. No primeiro, Rikelme cruzaba demasiado ante a portería colomense e, no segundo, Pitero atopábase co corpo de Borja Puerta. Estivo moi preto o cuarto visitante, pero os locais respondían con senllas ocasións nos pés de Leandrinho e Borja Puerta, nunha nova incorporación do meta catalán ao ataque.
Os de Xavi Closas non conseguían reducir distancias e o técnico decidía apostar no minuto 32 por Povill como porteiro-xogador e practicamente na primeira acción lograban marcar. Puchy remataba un balón na área, este pegaba en Araya e o rexeitamento quedáballe ao propio Puchy, que xa non perdoaba na segunda. O canteirán do Barça tivo o empate nun balón ao segundo pau e despois era Cardona o que perdoaba nunha acción moi similar.
Isma, tras unha recuperación, non atopaba o marco contrario nun disparo desde campo propio e do posible 2-4 pasábase ao 3-3, nunha boa acción grupal do equipo catalán que terminaba cun remate de Cardona desde o corazón da área. Industrias decidiu seguir co xogo de cinco para buscar a vitoria, pero acabouno pagando caro nunha nova recuperación de Isma, que agora non desaproveitaba o capitán para marcar cun lanzamento parabólico marca da casa desde o campo laranxa. Os burelistas souberon defenderse nos segundos finais e a piques estiveron de anotar o quinto nun disparo desde a súa propia área de Kaluza que se ía fóra por pouco. Tras esta acción xa non habería tempo para máis.
Ficha Técnica Industrias Santa Coloma 3-4 Burela FS
Industrias Santa Coloma (3): Borja Puerta; Corso, Verdejo, Puchy, Povill -quinteto inicial-, Uri Santos, Cardona, Leandrinho, Niel·lo, Marc Tolrà e Ramos.
Burela FS (4): Kaluza; Isma, Alberto, Charly, Malaguti -quinteto inicial-, Rikelme, Araya e Pitero.
Goles: 0-1, min. 7: Pitero. 1-1, min. 21: Uri Santos. 1-2, min. 24: Pitero. 1-3, min. 28: Malaguti. 2-3, min. 32: Puchy. 3-3, min. 38: Cardona. 3-4, min. 39: Isma.
Árbitros: Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara (Colexio Valenciano). Amoestaron ao porteiro suplente local Álex Lluch.
Incidencias: Encontro da duodécima xornada da Primeira División masculina disputado no Pavelló Nou de Santa Coloma.
























O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.