A Mariña, 28 de marzo de 2025. A Mariña é xa un referente nacional como destino de turismo de natureza, un enclave estratéxico polas súas singularidades naturais e xeográficas. Esta nova modalidade turística -observación de aves, xeoturismo e observación da natureza- “é un dos grandes activos do territorio e permite atraer novos nichos de mercado, máis especializados e desestacionalizados, que contribúen a xerar desenvolvemento económico sostible ao redor das empresas de turismo”. Así o explicou Ana Ermida, a vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no decurso da inauguración do encontro de observación da natureza natureWatch, que reuniu ata o domingo, 30 de marzo, na Mariña a un amplo grupo de expertos neste campo.
O Centro Sociocultural de Barreiros acolleu os relatorios presenciais desta XXI edición deste encontro de ecoturismo e observación da natureza, xa consolidado no panorama nacional. O programa inclúe tamén un completo programa de visitas de campo coas que coñecer de primeira man a oferta deste territorio no que, en escasos quilómetros, “podemos transitar desde a inmensidade do mar Cantábrico ata a singularidade paisaxística, botánica e xeolóxica da Serra do Xistral”, destacou Ermida.
Un total de 60 persoas, chegadas principalmente de Galicia, pero tamén doutros puntos de España (Andalucía, Aragón, Asturias, Cataluña e Castela a Mancha), tiveron estes días a oportunidade de afondar no coñecemento deste territorio como destino ornitolóxico, xeolóxico e botánico. A meirande parte dos asistentes están vinculados á xestión turística e de produtos, pero tamén hai afeccionados ao turismo de natureza, o que lles permitirá coñecer todas as potencialidades deste territorio para o desenvolvemento do turismo sostible. Asemade, tal como sinalou a vicepresidenta da Mancomunidade, “este evento contribuirá a poñer en valor os recursos naturais do territorio e o tecido empresarial asociado a esta modalidade turística, na que A Mariña Lucense ten un enorme potencial”.
Divulgación e profesionalidade
O evento natureWatch foi recoñecido pola Organización Mundial do Turismo como evento colaborador no 2017, ano no que se organizou por primeira vez, e desde entón celebrou mais de 20 edicións en diferentes provincias de España. Trátase dun referente que convoca a persoas relacionadas coa práctica e divulgación do turismo sostible de natureza.
O encontro natureWatch é un foro especializado de ecoturismo que se celebra ao longo do tempo en diferentes puntos de España, atendendo ás características singulares de cada lugar. O seu obxectivo é contribuír de forma ordenada ao impulso do turismo de observación da natureza, promovendo as bases sobre as que construír a súa regulación, o emprendemento e o desenvolvemento sostible dos espazos naturais. Neste caso, pretende posicionar A Mariña entre os profesionais do sector e o público especializado como un destino de turismo de natureza de relevancia a nivel nacional.
Con esta celebración na Mariña pon de manifesto o interese que esperta como destino referente a nivel ornitolóxico, natural e xeolóxico, co fin de xerar desenvolvemento económico e social ao redor das empresas de turismo activo e ecoturismo, guías de turismo de natureza, aloxamentos, restaurantes e produtores locais, entre outros.
Evento neutro en carbono
Trátase ademais dun evento socialmente responsable. Por unha banda é neutro en carbono, é dicir, que se toman as medidas necesarias para compensar as emisións de carbono que se produzan durante o mesmo, investindo en actividades que reducirán ou eliminarán da atmosfera unha cantidade de carbono equivalente á emitida, polo que se acada un impacto 0. Por outra banda, parte do custo de inscrición será destinado a un proxecto local de conservación do medio ambiente a cargo de REBINXE.
REBINXE (Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural) é unha organización sen ánimo de lucro para a conservación do medio ambiente creada por profesorado e alumnado do IES San Rosendo de Mondoñedo.
O encontro estivo promovido pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A organización corre a cargo da empresa especializada Daboecia Arte y Naturaleza en colaboración con El Ecoturista. Ademais, nesta edición conta coa colaboración especial de RURALtXA! un proxecto que impulsa a bioeconomía no mundo rural e que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliciencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.




























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



