Nota de prensa
OS TRABALLOS DE URBANIZACIÓN DA FUTURA PRAZA DOS CAMPOS DARÁN COMEZO NOS VINDEIROS DÍAS
o A primeira fase das obras, consistente na adecuación do terreo, rematou esta semana
o A adxudicación da segunda fase para crear este novo espazo público en San Ciprián saíu publicada onte no BOP cun orzamento de 846.548,25 euros
Cervo, 13 de novembro de 2010.- Esta semana remataron as labores de adecuación dos 6.470 metros cadrados de terreo que albergarán a futura Praza dos Campos de San Ciprián. Estes traballos forman parte da primeira fase de construción deste novo espazo urbano deseñado polo Concello de Cervo para uso e disfrute da veciñanza e visitantes a esta vila cervense.
Segunda fase
Os traballos preparatorios do terreo deron comezo a primeira semana do pasado mes de setembro e tiveron un orzamento aproximado de 151.000 euros. Unha vez finalizadas estas labores comezarase de inmediato a segunda fase do proxecto, consistente na construción e urbanización da praza. A adxudicación definitiva desta segunda fase dos traballos foi publicada no día de onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) á empresa Construcciones Cazas, S.L por un importe total de 846.548,25 euros e cunhas melloras respecto ao prego de condicións valoradas en 211.032,23 euros.
Proxecto
O proxecto urbanístico deste novo espazo pretende crear un novo espazo de lecer e esparexemento para tódolos veciños de San Ciprián, que poderán desenvolver nel distintas actividades de ocio, así como outras ao aire libre como son o mercado semanal e as principais citas festivas. O financiamento dos traballos para a súa construción corren a cargo da Xunta de Galicia que asinou para este obxecto un convenio co Concello que supera o millón de euros.
Deste xeito San Ciprián poderá contar cun novo espazo público na zona máis céntrica da Península da Paz. Con esta actuación veranse multiplicadas as zonas arboradas, as áreas de repouso e o número de prazas para o estacionamento de vehículos. Aproveitarase tamén para actualizar as redes de saneamento, alumeado público, teléfono e outros servizos da contorna da zona, ademais de urbanizar este gran espazo cun novo pavimento en granito, formigón e asfalto- e de dotar a área cun moderno mobiliario urbano.
Deporte, repouso e xogos infantís
No proxecto construtivo destacan, pola súa importancia dentro do espazo da futura praza, as áreas destinadas a albergar actividades deportivas (unha cancha de xogo, cos laterais cubertos para evitar a perda de balóns), os espazos para o repouso (con mobiliario elixido con criterios estéticos, ergonómicos e funcionais) e dúas amplas zonas para os xogos infantís, as máis grandes de todo o termo municipal (separadas en función da idade de uso dos diversos aparatos de xogo), co seu perímetro balado e co chan adaptado para maior seguridade dos nenos, rodeada ademais por zonas verdes.
100% público e libre de edificacións
O Goberno municipal traballa deste xeito para recuperar a personalidade dun espazo, que será cen por cen público, e cen por cen libre de edificacións, e que foi deseñado para que poida ser aproveitado para o seu uso cultural, deportivo, festivo e social. Ademais a praza dos Campos de San Ciprián disporá de elementos tales como ramplas, rebaixados e accesos amplos, que permitirán salvar os obstáculos arquitectónicos cos que habitualmente se teñen atopado persoas con mobilidade reducida ou discapacitados.





















Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



