O portavoz da formación Modesto Renda instou á “unión sen ambaxes’” de todos os partidos políticos para poñer fin a unha situación que cualificaron de “insostible e totalmente inaceptable”
Vilalba, 19 de Maio de 2024. Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa fronte aos recortes de servizos no Centro de Saúde. A formación municipalista, que na pasada lexislatura logrou mobilizar a máis dun centenar de veciños/as para reclamar “un servizo de pediatría digno”, anunciou hoxe que iniciará unha nova campaña de denuncia.
Dende VA, porán de novo o foco da súa crítica no desmantelamento deste servizo, pois tal e como explicou a concelleira da formación Mª Xosé Fernández “os 2 cupos de pediatría seguen sen repoñerse diante das baixas, derivándose a urxencias aos nenos/as e véndose as familias obrigadas a acudir a un especialista privado co custo que iso representa”.
O tempo de espera para conseguir cita co médico/a de cabeceira será outra das liñas da campaña, pois tal e como denunciou a concelleira Mónica González, “chega a superar o mes nalgúns casos”. Neste sentido, explican que de cara ao verán, a xubilación de dous profesionais, que se suma a outra nos primeiros meses do ano, suporá que “máis da metade dos 11 cupos actuais quedarán sen profesional e que as listas de agarda se multipliquen”.
Por último Vilalba Aberta quere facer pedagoxía diante dos veciños/as das consecuencias do “desmantelamento dunha atención especializada como a do servizo de reumatoloxía e o de xinecoloxía”. A este respecto, foi o actual Coordinador da formación Zeus Seijo quen cualificou de “moi grave” que Vilalba perdera estas especialidades como grave é – remarcou – que os veciños/as de Vilalba leven máis de 5 anos sen oculista na pública”.
O portavoz da formación Modesto Renda instou á “unión sen ambaxes’” de todos os partidos políticos para poñer fin a unha situación que cualificaron de “insostible e totalmente inaceptable”.






















O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



