As burelenses dominan un encontro moi competido ante un salvado pero pasional Guadalcacín que o intentou en Burela
Burela, 24 de maio, 2025. O Burela FS disputa o seu último partido da tempada na casa, un encontro que, a priori, non debería supoñer ningún problema para manter o segundo posto na táboa da clasificación, conseguida a semana pasada ao caer o Futsi ante o Melilla. Este partido da xornada 30 disputouse en Vista Alegre, ás 12.00h, en horario unificado, con arredor de 500 espectadores, ante o CD Guadalcacín FS, un dos equipos recentemente ascendidos nesta tempada 24/25 e que veu coa tranquilidade de non xogarse nada, xa coa permanencia asegurada. Primeira parte con dominio do Burela aínda que moi competida, sobre todo nos últimos minutos e segunda parte con menos ritmo, moito xogo de balón e non moitas ocasións por parte de ningún dos dous conxuntos, xogo bastante parello no que as burelenses se antepuxeron igualmente con tres goles que lles permiten o pase a playoff en segunda posición.
Colle confianza o Burela anotando nos primeiros minutos de partido cun golazo escorado de Dinha que sorprende a Paola tras un pase de Emilly e case o volve a facer (Dinha), dous minutos despois cun disparo raso que se vai rozando o pau. Poucas opcións para o Guadalcacín nesta primeira parte, unha delas no minuto 6 no que Ana Eliza despexa o balon a un disparo de Nekane desde o bordo da área. No 7 Paola evita o segundo tras un disparo desde a área de Patricia e roza o traveseiro un cabezazo de Lora que case a mete en propia porta. No minuto 12 segunda ocasion do Guadalcacín que despexa Ana Eliza, un disparo de Gleice que puido ser o empate, e o 13 sálvaa Emilly tras un despexe da porteira brasileira que logra desviar un disparo picado deixando o balón morto na área e a súa compañeira sácaa fóra. Triple ocasión de Cami no 17 que a despexa ao traveseiro nun roubo en área rival e logo sácaa por encima tras o despexe, na seguinte xogada tamén dispara desde o frontal pero despexa Paola a córner. Falta perigosa no minuto 18 que saca Antía Pérez e métea cun disparo raso que burla toda a defensa gaditana. No último minuto presionan as visitantes tentando achegarse no marcador antes de irse ao descanso. Voa Ana Eliza ata en dúas ocasións despexando dous balóns no último minuto e chega o 2-1 que as levará ao descanso, un gol moi escorado de Ame Romero que sorprende á porteira burelense.
Téntao dúas veces Emilly nos primeiros minutos desta segunda parte con disparos afastados que se van fóra lonxe da portería. Salva Caridad (que disputa esta segunda parte baixo os paus da portería laranxa) unha bolea de Nekane nunha boa transición das gaditanas. Case empata o Guadalcacín no 27 cunha dobre ocasión que nun primeiro momento despexa Caridad e logo lánzaa fóra Gleice. Chega o 3-1 no minuto 28, un gol de Cilene que non perdoa un erro na saída das visitantes e que recupera Antía Pérez que lla deixa á xogadora brasileira en bandexa para marcar a pracer. Moito xogo de balón nos próximos minutos con poucas ocasións por parte de ambos equipos que non logran finalizar ata o minuto 35 en que Paola frustra unha dobre ocasión das bureleneses, a primeira de Antía Pérez tras un saque rápido de banda que lanza ás mans da porteira e logo Dany case a mete no rexeite, no que volve atoparse coa porteira gaditana. Tras un tempo morto pedido por Andrés Sánchez saen con presión de 5 para 4 con Lora de porteira-xogadora. Téntao Gleice nunha xogada individual no último minuto pero a lanza fóra preto do primeiro pau.
Remata o encontro 3-1 no marcador fixando o Burela esa segunda praza para os playoff e gañando a vantaxe do factor cancha, playoff nos que se enfrontará ao seu eterno rival, o Futsi Atlético Navalcarnero, en dous clásicos, senón tres, que comezarán a semana que vén en Vista Alegre, coincidindo coas Festas de Burela.
Ficha Técnica CD Burela FS 3-1 CD Guadalcacín FS
Burela FS (3): Ana Eliza; Dany, Dinha, Cris Lourés, Emilly -quinteto inicial-, Cilene, Cami, Antía Pérez, Patricia, Noelia Montoro, Débora, Carolina Pedreira, Caridad (ps)
CD Guadalcacín FS (1): Paola; Ame Romero, Necane, Jussara, Gleice, -quinteto inicial-, Guti (C), Lora, María, Eu, Daniela.
Goles: 1-0, min. 2: Dinha. 2-0, min.18: Antía Pérez. 2-1, min.19: Ame Romero. 3-1, min.38: Cilene.
Árbitros: Iria de Luís Iglesia, Javier Menéndez Nistal, Gabriel Balea Martínez, Andrea de Luís Iglesia.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


