Estarán dispoñibles este domingo en Covas e nos Xardíns Noriega Varela para facilitar o acceso á auga durante a restrición preventiva
Viveiro, 8 de xuño de 2025. O Concello de Viveiro informa de que, como medida complementaria á restrición preventiva no uso da auga da traída, habilitaranse este domingo dúas cisternas con subministración de auga potable a disposición da veciñanza.
Un dos camións situarase en Covas, na explanada situada entre Os Castelos e o Pazo de Grallal, mentres que o outro estará nos Xardíns Noriega Varela, xunto ao templete.
Dado que a xornada dominical dificulta o acceso a auga embotellada —especialmente para fogares sen desprazamento ou negocios da hostalería—, estas cisternas buscan facilitar o abastecemento puntual de forma segura.
O Concello lembra que esta medida responde ao principio de precaución tras a vertedura no río Landro, e que o abastecemento xeral continúa garantido. Irase informando da evolución da situación en canto se dispoña dos resultados analíticos definitivos.