O canteirán non seguirá na escuadra mariñá logo de dúas tempadas nas que contribuíu ao ascenso a Primeira do pasado curso
Burela, 13 de xuño, 2025. O canteirán Jorge Quelle non continuará o seu camiño no Burela despois de dúas intensas campañas nas que destacou a súa colaboración o pasado curso para lograr o ascenso a Primeira División. O á zurdo non dispuxo de tantas oportunidades este curso, onde participou en 25 encontros e non puido estrear a súa conta goleadora. O club agradécelle a Quelle os servizos prestados estas dúas tempadas, a súa máxima predisposición e compromiso, á vez que tamén lle desexa a maior das sortes e éxitos nos proxectos deportivos e vitais que afronte no futuro, deixándolle, por suposto, sempre a porta aberta para unha hipotética nova volta á disciplina laranxa.
Jorge Quelle (Burela, 2003) regresou a casa no verán de 2023 despois de pasar dous cursos no filial do Real Betis, en Segunda División. Para terras hispalenses decidira marchar en 2021 aínda en idade xuvenil e coa intención de compatibilizar o fútbol sala cos seus estudos universitarios, logo de completar o paso por todas as categorías inferiores da entidade burelista.
Despois de dúas tempadas coñecendo a fondo a categoría, regresaba á súa localidade de nacemento para poñerse ao servizo do club no que se criou e ofrecer a calidade da súa perna zurda, o seu gran dominio dos espazos, a súa calidade de pase e o seu bo xogo sen balón, tanto ofensiva como defensivamente. Na primeira tempada colaboraba no ascenso de categoría de fará este domingo un ano. Esta tempada non tivo demasiadas oportunidades, pero si se arremangó sempre que estivo na pista para tentar axudar na loita pola permanencia.
Jorge Quelle enviou unha mensaxe de despedida na que se lembrou de todos os estamentos do club:
“Estou moi agradecido non só por estes anos que estiven no primeiro equipo, senón por toda a formación que me deron e todos os adestradores de base que me adestraron. Foi un luxo que me acompañaran e me educaran, tanto profesionalmente para o fútbol sala como persoalmente, porque aprendín moitos valores na base. Grazas a todos eles puiden lograr o soño que sempre tiven, que obviamente cando eres pequeno sempre soñas con chegar ao primeiro equipo e puiden conseguilo. Moi agradecido ao club por toda a formación que me deron e pola oportunidade de chegar ata o primeiro equipo.
Destes dous anos dicir que fun moi feliz, que me alegro moito de tomar a decisión de volver no seu momento e que o ano pasado foi espectacular. Vivín a mellor experiencia deportiva que tiven nunca, que foi o ascenso na casa. Iso é un recordo imborrable xa. Só polo que desfrutei ese día, por como vin o pavillón, por todos os recordos que me trouxo de cando era pequeno e ía ver os partidos do primeiro equipo, xa mereceu a pena volver, aínda que só fora por ese día”.
Esta mensaxe tamén leva palabras de alento no tocante ao futuro do club:
“Tamén lle estou moi agradecido á toda directiva por volver a confiar en min para volver estar aquí. Agora a situación deuse así, foron estas as circunstancias e volvo marchar, pero obviamente sempre serei un afeccionado do Burela FS e desexo que lle vaia o mellor posible. Estou seguro de que dunha forma ou doutra volverémonos atopar, porque así tamén o desexo, xa que non deixa de ser a miña casa estea onde estea. Oxalá que teñamos Burela FS para moitos anos porque sería unha pena deixar de que acabase isto tan bonito. Toda a forza do mundo, oxalá saia todo adiante e agradecerlle á afección todo o apoio que nos deron, que me sentín moi, moi querido e que espero que eles tamén garden un bo recordo meu, sobre todo como persoa, máis que como xogador. Eu tamén son un afeccionado do Burela FS e actuei como a min me gustaría que actuasen os xogadores do meu equipo e vounos levar sempre comigo. Moi agradecido por todo e oxalá teñamos Burela FS para rato porque é un luxo poder contar con isto no noso pobo e temos unha tradición de moitos anos que non se pode perder por nada do mundo.
Unha aperta e sempre vos levarei no meu corazón!!!”.






















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


