Reclaman unha brigada permanente, a adhesión ao plan de biomasa e un programa anual de desbroces como medidas urxentes e estruturais
Abadín, 19 de agosto de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Abadín, a través do seu Voceiro Pablo Díaz, denuncia a grave situación na que se atopa o concello en plena vaga de incendios, como consecuencia directa da falta absoluta de previsión e planificación do equipo de goberno do Partido Popular.
Segundo explican os socialistas, a cuadrilla contra incendios aprobouse a mediados do mes de agosto, cando a temporada de maior risco xa estaba avanzada, e apenas tres días despois quedou totalmente inoperativa pola renuncia de dous dos seus integrantes. Isto, alertan, implica que Abadín afronta o verán e o mes máis crítico do ano sen brigada municipal de prevención, vixilancia e extinción de lumes, deixando á veciñanza e ao territorio desprotexidos nun momento de máxima vulnerabilidade.
Pablo Díaz sinala que “o que estamos a vivir é unha mostra evidente da incapacidade do goberno municipal para xestionar un problema tan grave como os incendios forestais. Non é culpa das persoas que renuncian, senón dunha forma de gobernar marcada pola improvisación, a falta de estrutura e a nula previsión. Non se pode constituír unha cuadrilla en agosto, cando xa levamos semanas con lumes en todo o país. Isto é actuar tarde, mal e arrastro”.
Precariedade laboral
Os socialistas consideran que a elevada temporalidade dos contratos das brigadas forestais fai moi difícil atopar e consolidar persoal, xa que se trata de empregos de escasa duración e alta esixencia física. Esta situación, unida á tardanza en convocar as prazas, explica en boa medida a falta de efectivos para cubrir os postos.
Neste sentido, Pablo Díaz insiste en que “o Concello non pode limitarse a improvisar unha brigada cada verán. É preciso apostar por unha brigada estable, de carácter permanente, que traballe todo o ano desbrozando, mantemento e limpeza do monte, especialmente nas pistas e camiños das aldeas onde non chega o tractor. O primeiro paso para evitar un incendio é ter o monte limpo, e iso só se consegue cunha planificación seria ao longo dos doce meses do ano”.
Outro aspecto que preocupa ao PSdeG-PSOE é que Abadín continúa a ser un dos poucos concellos da comarca e mesmo de Galicia que non está adherido ao plan de xestión das franxas secundarias de biomasa, un instrumento legal que obriga a desbrozar e manter limpas determinadas áreas de especial risco para protexer as vivendas e os núcleos de poboación.
“Cospeito, Mondoñedo, A Pastoriza, Vilalba ou mesmo concellos máis pequenos xa forman parte deste plan. Abadín, en cambio, segue á marxe, sen cumprir cunha medida esencial para a prevención dos incendios”, denuncia Díaz.
Bloqueo político no Pleno
A falta de compromiso do Partido Popular quedou tamén de manifesto no último pleno extraordinario, solicitado polo grupo socialista, para tratar o desbroce das pistas e camiños municipais. Neste pleno, o PP votou en contra da proposta socialista, rexeitando unha iniciativa que buscaba mellorar a seguridade da veciñanza e reducir o risco de lumes.
“Un goberno serio non pode votar en contra do desbroce cando todos sabemos que é a mellor ferramenta para frear a propagación do lume. Iso demostra que para o PP de Abadín a prevención dos incendios non é unha prioridade”, recalca o Voceiro socialista.
Esixencia de responsabilidades e compromiso real
O PSdeG-PSOE de Abadín considera que a actual situación “roza o desastre” e evidencia que o concello está gobernado dende a improvisación e a falta de proxecto. Os socialistas reclaman responsabilidade política e institucional, e insisten en que o executivo local debe asumir que non se pode volver repetir un verán con tanto lume e tan poucos medios dispoñibles.
“Esiximos ao goberno do PP que deixe de actuar tarde e mal, e que dunha vez por todas poña en marcha unha política de prevención seria, planificada e estable. Non se pode xogar coa seguridade da veciñanza nin co futuro do noso monte”, conclúe Pablo Díaz.






















O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



