O voceiro socialista, Pablo Díaz, critica que o rexedor “minte, elude e contesta o que lle dá a gana”
Abadín, 2 de outubro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Abadín, a través do seu voceiro Pablo Díaz, denunciou no pleno celebrado onte a actitude do alcalde, Xosé María López Rancaño, que volveu eludir explicacións e rexeitou dar respostas claras ás preguntas da oposición.
No pleno, o PSdeG formulou varias cuestións que seguían sen resposta clara: a falta de transparencia no proceso de selección do conserxe e na resolución definitiva da praza; o uso de maquinaria municipal no desbroce de fincas privadas; os atrasos no pagamento das axudas ás asociacións e entidades locais; e a negativa a facilitar o proxecto da planta de biometano de Quende, solicitado xa o 19 de setembro.
Díaz advirte que “o alcalde contesta o que lle dá a gana e evita asumir responsabilidades. Non é de recibo que siga ocultando información sobre asuntos que afectan directamente á veciñanza”.
Segundo os socialistas, as respostas do rexedor foron vagas e evasivas. Sobre o conserxe, limitouse a xustificar que, ante a urxencia, optaron por unha contratación a través dunha empresa de recursos humanos, sen aclarar se se respectaron os principios de igualdade, mérito e capacidade. No caso das fincas privadas desbrozadas con maquinaria municipal, desviou o asunto cara a unhas obras de acondicionamento subvencionadas pola Xunta, sen precisar información concreta. Respecto ás axudas a entidades e asociacións, recoñeceu que non se pagarán ata decembro, malia o retraso acumulado, e en relación ao proxecto de biometano, negou o acceso solicitado polos socialistas alegando que aínda non está en exposición pública.
Para Díaz, esta actitude “demostra que o alcalde minte, elude e responde o que lle convén, pero non dá explicacións serias”. O voceiro subliña que “o tema da planta de biometano preocupa moito á veciñanza polas afeccións que pode ter, e o mínimo é que o goberno municipal facilite información en lugar de agochala”.
O PSdeG-PSOE de Abadín reclama máis transparencia e respecto polo labor da oposición, porque “sen respostas nin información, a veciñanza queda desamparada”.
“Rancaño utiliza os plenos como un trámite baleiro. A súa obriga é dar explicacións e informar, pero prefire ocultar e mentir. Non imos calar mentres siga gobernando de costas á veciñanza de Abadín”, conclúe Díaz.




















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



