Nesta fin de semana pasada puidemos asistir ás I Xornadas arredor do Forte de San Damián. Parabéns á organización, nomeadamente a Alberto Paraje. Foron ben instrutivas e amenas, e puxeron en valor, unha vez máis, o “castelo”, como adoitaba chamarlle a picaraxada ribadense de hai anos. Fun convidado a participar na mesa redonda nel desenvolta para abordar as posibilidades de futuro, e considero oportuno agora tirar conclusións do que alí se falou.
Como ben indicaba Roberto Rodríguez, debemos adoptar unha perspectiva ampla para valorar o proceso de recuperación do Forte de San Damián. Desde o 11 de maio de 1967, cando se publica no BOE o decreto de cesión do mesmo ao Concello de Ribadeo para dedicalo á expansión do turismo na ría de Ribadeo, até os nosos días, percorreuse un longo periplo que botou a andar de xeito firme cando, en 1990, sendo alcalde de Ribadeo Eduardo Gutiérrez, e en base ao proxecto deseñado polo arquitecto ribadense Ernesto Cruzado, se procedeu á súa restauración. Desde a perspectiva actual pode ser fácil ver que se puido ter tomado nota, co rigor que require unha intervención deste tipo, de todo o que alí había e do que aínda poida quedar no subsolo e entre os seus muros. Na recente intervención do ano 2023 así se puido constatar ao descubrirse baixo o morteiro mostras da reprodución do arco de bóveda do fortín, ou o material con que se revestían as ameas, por exemplo. Ben: tomemos nota. Pensemos que no futuro se poderán facer intervencións por parte de equipos especializados para indagar máis sobre o forte. Pero saibamos comprender tamén que grazas aos esforzos feitos con anterioridade se puido poñer en marcha a recuperación do Forte de San Damián e hoxe estamos aquí reflexionando sobre o seu futuro.
As obras de restauración emprendidas no ano 2023 a raíz do convenio asinado entre o Concello de Ribadeo e a Deputación Provincial de Lugo, así como o posterior deseño de distintos paneis explicativos e varias actividades de promoción do uso do Forte de San Damián con motivo dos seus catrocentos anos de historia, fan del un centro de interpretación que, para quen o visite, pode facerse unha idea clara, sinxela, áxil e eficaz do que supuxo o forte de San Damián como baluarte defensivo da vila de Ribadeo, do porto de Porcillán, e da actividade comercial tan intensa que en torno a el se desenvolvía. Pasear hoxe polas inmediacións do forte permite constatar o cambio experimentado pola súa contorna. Pero tamén podemos comprobar que hai xente que se achega até as súas portas, nomeadamente nos días de verán e pontes festivas, e queda coas ganas de visitalo. Como darlle solución a esta situación tan paradoxal? Se o forte foi cedido ao concello para promover a actividade turística en torno á ría de Ribadeo, semella contraditorio que, ao chegar a xente ás súas portas, non poida visitalo.
Como garantir de xeito permanente que se poida visitar o forte de San Damián? Que as súas portas estean abertas para que poida ser visitado require de persoal, ou que é o mesmo, de orzamento. E aí xa entramos no imprescindíbel cálculo sobre a viabilidade da súa apertura permanente. Os recursos públicos son escasos e hai que maximizar o rendemento do seu uso. Nestas Xornadas quedou ben patente a potencialidade do forte así como todo o relativo á actividade marítimo-comercial, e tamén de construción naval de Ribadeo (neste último caso tamén das Figueiras). Este aspecto garda relación, ademais, con todo o referido ao “Ribadeo Ilustrado”, programa xa ben desenvolvido e con perspectiva de futuro. Pero tamén se contemplou que reducir a utilidade do forte de San Damián a ese necesario centro de interpretación non era o máis beneficioso para a comunidade. E iso, porque se pode compatibilizar con outros usos culturais que xa se lle deron ao longo destes anos. Non é a sala de exposicións ideal que merece Ribadeo, pero pode ser unha boa sala de exposicións que sume, ao contido específico de cada cita, o seu continente propio, o “castelo”. Temos gozado de varias actividades culturais, co permiso do nordés, que se vían reforzadas na súa excelente cualidade pola valía mesma do escenario/continente. Velaquí un reforzo máis que garantiría a súa apertura mellorando a rendibilidade desa apertura continuada do forte.
A nivel educativo, non en van eramos varios os e as docentes presentes no acto, tamén contemplamos moitas posibilidades. Non podo evitar lembrar as ensinanzas do profesor Juan Suárez Acevedo no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e a súa constante apelación ao Ribadeo Antiguo, de Francisco Lanza, cada vez que nas súas leccións de historia contemplaba a posibilidade de estender o tema en cuestión á historia de Ribadeo. Pero non só desde a historia é posíbel facer isto. Podemos desenvolver unidades didácticas que poñan en valor o forte de San Damián e a actividade marítimo-comercial, así como a enxeñería desenvolvida nos estaleiros ribadenses, ademais dos principios económicos nos que se asentaba esa actividade. Desde áreas como a historia, a economía, a tecnoloxía, a filosofía, a filoloxía, ou a música, pódese abordar o papel desenvolvido polo forte de San Damián e a historia mesma de Ribadeo, ofrecendo ao profesorado uns contidos coherentes e complementarios cos principios teóricos que se imparten nas aulas. Estas ensinanzas reforzarían a función didáctica dunha visita guiada ao forte, no canto de ser contemplada como un simple divertimento por abandonar a aula e “ir de excursión”. E esta apreciación serve tanto para Ribadeo como para os concellos da contorna. Acaso a madeira que desde toda a cunca do Eo servía para construír os barcos, ou para exportar, é allea a esta actividade? O mesmo serve para o ferro que viña desde Bizkaia, o aceite andaluz, o viño do Miño e do Sil…, ou o ferro manufacturado, os coiros, graxa e aceite de balea que saía do porto de Ribadeo. Hai materia para involucrar aos colexios e institutos da contorna: Ribadeo, Barreiros, Trabada, Os Ozcos, A Veiga ou Castropol, por exemplo.
Dito o cal, tamén queremos lembrar unha pantasma que percorreu o patio do forte ao longo da sesión vespertina: o da Casa da Ría. Non abonda con imaxinar cantas cousas poderiamos facer co forte e coidar que con pensalas xa están feitas. Ai, ese palacio da ópera que algún veraneante nos ten recomendado construír mostrándonos as súas bondades para Ribadeo! Na nosa historia recente houbo quen considerou que con ter unha subvención da Xunta de Galicia para poñer en marcha unhas instalacións como as da Casa da Ría, xa estaba todo feito. Non chega con mercar un Ferrari; tes que botar contas se despois vas ter diñeiro para pagar o combustíbel, canto che vai custar cambiarlle as rodas, o seguro… Coa Casa da Ría houbo tan boas intencións como falta de previsión. Contentarse con botarlle a culpa ao que veu despois porque non estivo disposto a asumir tal custo pode quedar moi ben nunha charla, nun mitin ou no peche dunhas xornadas, pero non é consistente. Non cometamos o mesmo erro ao abordar o futuro do forte de San Damián: fágase un plan de viabilidade, contémplese de onde vai saír o diñeiro, apróbese a correspondente partida de gasto e a consecuente retención de crédito; comprométase a administración á que lle corresponda a garantir o apoio económico prolongado no tempo (non por tres meses para saír do paso). En fin, estes días foron aflorando moitas ideas que ademais se vían referendadas con explicacións concretas sobre como levalas á práctica. Para que isto saia adiante, haberá que reforzar ditas propostas co devandito plan de viabilidade.



















O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.
Nesta ocasión, a homenaxeada foi a de Román. Tras unha recepción ás portas do concello, a veciñanza da parroquia desprazouse a pé ata a Igrexa de Santa María co grupo tradicional Cerna de Árbol. Na misa, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa, realizáronse as ofrendas e púxose en valor a tradición “dos canteiros e os traballos en pedra” en Román, unha parroquia cun destacado patrimonio histórico e cultural. Tras a celebración na igrexa, os veciños e veciñas de Román compartiron uns pinchos de fraternidade no Centro Cultural.
A celebración estivo organizada pola asociación cultural Ourofest coa colaboración do Concello do Valadouro e contou co apoio do Goberno galego. Villares participou na celebración litúrxica, que contou coa actuación do coro da Escola de Música ‘Ao Compás do Río Ouro’, e compartiu coa veciñanza esta xornada festiva de especial arraigo na localidade.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.



