Os deputados do Grupo Provincial Popular ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que explicaron que se mantiveron reunións con todos os alcaldes e voceiros do PP na provincia para coñecer de primeira man a situación de cada municipio, as necesidades e as súas demandas de cara á elaboración dun documento coas necesidades de cada concello e que se teñan en conta nas contas provinciais para 2026
Lugo, 23 de outubro de 2025. Unha vez rematada a serie de xuntanzas que os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular realizaron por toda a provincia cos alcaldes e voceiros do PP en cada municipio chegou o momento de facer balance de todas as propostas e necesidades recollidas.
Así, os deputados populares ofreceron unha rolda de prensa esta mañá na que realizaron unha proposta clara e directa a José Tomé: unha xuntanza para tratar de forma individualizada a situación de cada concello e así incorporar as necesidades de cada municipio ao proxecto de orzamentos do vindeiro ano e acadar así “unhas contas xustas e igualitarias” con todos os lucenses.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que se realiza esta proposta xa que “José Tomé non coñece a realidade de 66 dos 67 municipios da provincia”, ao que engade que “a realidade é que máis da metade dos concellos nin os pisou en seis anos”.
Unha situación que “amosa ás claras a falta de vontade do goberno do PSOE e BNG por ter unhas contas xustas cos lucenses”, algo que vén derivado “da total falta de escoita de Tomé aos alcaldes da provincia, xa que segue negándose a recibir a máis da metade dos rexedores”.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que “para que os orzamentos da Deputación sexan máis xustos hai que subir o Plan Deputación en 10M€”. O voceiro popular explica que “é o sistema de reparto de fondos máis xusto que hai agora mesmo na Deputación, polo que incrementar os fondos é aumentar a colaboración económica que se realiza con cada municipio”.
Ademais deste incremento, dende o Grupo Popular tamén se defende que se modifiquen as bases para a vindeira anualidade, de forma que recollan a posibilidade de que os Concellos soliciten a aplicación de parte da achega provincial ao Plan Deputación a gastos correntes, entre outros conceptos que agora non se permiten.
A realidade é que PSOE e BNG seguen a repartir “a dedo, de forma escura e de forma totalmente subxectiva” fondos da Deputación cada venres en xunta de goberno “unicamente para os seus afíns e amiguetes, marxinando por completo a máis da metade dos lucenses da provincia”.
No que vai de ano xa repartiron vía convenio 9.5M€, unicamente a concellos da súa mesma cor política, “e aínda quedan máis de dous meses, que os de final de ano son nos que máis cartos reparten”.
Unha tendencia que amosa ás claras que “na Deputación de Lugo non hai proxecto e unicamente se dedican a repartir fondos de todos os lucenses a dedo para uns poucos” tal e como admitiu Ana Pontón hai uns días nunha entrevista, na que asegurou que “as Deputacións reparten fondos e non ten proxecto”.
Neste senso, Ameijide pregunta se “Pontón se estaría a referir directamente á Deputación de Lugo sen nomeala, xa que o único que fan PSOE e BNG é repartir fondos unicamente en base a criterios partidistas”, recordando como “xustifica o seu partido á de Lugo”.
MANTEMENTO DA REDE DE ESTRADAS PROVINCIAL
Antonio Ameijide tamén explicou que, pese aos dous plans de mantemento anunciados por José Tomé, “nada cambiou na rede viaria provincial” e en 66 dos 67 concellos segue a reclamarse o mantemento e conservación das estradas da Deputación.
Os deputados populares seguen a defender “a elaboración dun plan de conservación, mantemento e mellora” das vías provinciais de forma que garantan a seguridade e que inclúa a renovación do firme onde sexa necesario, o ensanche das plataformas coa posibilidade de acondicionar cunetas revasables con formigón, unha correcta sinalización vertical e horizontal, a instalación dos elementos de seguridade necesarios; ademais da limpeza periódica das cunetas e un servizo efectivo de desbroce das marxes das estradas de titularidade provincial.
APERTURA DOS CENTROS DE DÍA E DAS RESIDENCIAS COMPROMETIDAS
Garantir servizos aos maiores “é outra das grandes reivindicacións” nos municipios, polo que os deputados populares piden compromisos económicos concretos para garantir a posta en funcionamento, de forma inmediata, dos centros de atención a maiores xa rematados, impulsar os que se atopan en construción, en proxecto – algúns deles dispoñendo xa de licenza municipal – ou comprometidos; do mesmo xeito poñer en marcha os centros de día xa construídos e comprometidos.
Non esquecen os deputados populares a necesidade de abrir de forma inminente o centro de día e residencial comarcal de Becerreá; así como iniciar as obras de construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Folgoso do Courel e Portomarín.
SERVIZOS BÁSICOS E CRECEMENTO ECONÓMICO
Colaborar economicamente cos Concellos na prestación de servizos básicos coma o relativo á implantación do ciclo auga, na recollida de animais abandonados (como establece a Lei 7/2023 de protección dos dereitos e o benestar dos animais) e no impulso dos sectores primario e turístico, son outras das demandas trasladadas polos representantes do Partido Popular nos diferentes municipios.
Como tamén fixeron especial fincapé na necesidades de “desenvolver un plan de impulso dos polígonos industriais de titularidade provincial” que inclúa as distintas tramitacións urbanísticas e sectoriais e a construción dos comprometidos e campañas de captación de investimentos para o desenvolvemento industrial e económico do territorio.


















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



