A Xunta de Goberno deu luz verde este venres a tres convenios de colaboración para apoiar o Belén a tamaño real, en Viveiro; mellorar o edificio da Casa Consistorial e a Escola Vella, en Ribeira de Piquín; e apoiar a conmemoración do 25 aniversario da Asociación Atila, en Muras
Lugo, 31 de outubro de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres tres novos convenios de colaboración cos Concellos de Viveiro e o de Ribeira de Piquín e outro coa Asociación Atila por un importe conxunto de case 380.000€. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión celebrada esta mañá.
García Porto detallou que a reunión deu luz verde a un acordo de case 82.000€ co Concello de Viveiro para apoiar un ano máis o Belén a tamaño real, Viveiro ante o berce. Avanzou que o mandatario provincial “anunciou hai unhas semanas este apoio grazas ás xestións realizadas pola asesora de Presidencia María Loureiro”. Así, a Deputación mantén a colaboración con esta infraestrutura, “que supón un importante motor económico para este municipio mariñán e para a súa contorna”.
“Nese sentido, quero deixar claro que o noso compromiso con Viveiro segue intacto, a pesar das declaracións que realizou a propia Alcaldesa. A realidade é que este proxecto segue adiante e o noso obxectivo é continuar apoiándoo, lonxe de calquera controversia política”, recalcou.
Recordou tamén que este Belén está formado por un centenar de imaxes a tamaño real e “destaca pola súa gran magnitude e singularidade”. Instalado no casco histórico do municipio, na contorna da Igrexa de Santa María, recibe cada ano máis de 25.000 visitantes, o que o converte nun dos principais atractivos turísticos do Nadal en toda Galicia.
En canto ao convenio co Concello de Ribeira de Piquín, a Voceira sinalou que “se trata dun importe conxunto de case 267.000€, dos cales a Deputación achega 250.000€ e o Concello case 17.000€”.
Con este investimento acometeranse melloras no edificio da Casa Consistorial e na Escola Vella “a infraestrutura que o concello está a acondicionar para ofrecer máis e mellores servizos aos veciños e veciñas”. Avanzou que debido ás inclemencias meteorolóxicas ambas construcións atópanse deterioradas, ademais de que tamén é necesario adaptalas a persoas con mobilidade reducida “o que favorecerá a accesibilidade de todos os veciños e veciñas”.
Por unha banda, 180.000€ irán destinados á rehabilitación da Casa Consistorial co fin de: mellorar a eficiencia enerxética do edificio; modificar a distribución das plantas para adaptalas ás necesidades do persoal municipal; construír un ascensor e un aseo para as persoas con dificultades de mobilidade e renovar a instalación de climatización, entre outros traballos.
Os case 65.000€ restantes do acordo van destinados a continuar rehabilitando o edificio da Escola Vella, un proxecto impulsado polo Concello de Ribeira de Piquín co fin de ampliar o uso social e veciñal deste inmoble. Nesta liña, recordou a Voceira que “o Concello xa levou a cabo diversas melloras no exterior do edificio, unha actuación para a que a Deputación achegou 83.000 euros”.
Con este novo investimento acometeranse traballos no interior, entre os que se inclúen: a mellora da accesibilidade, a instalación de sistemas de iluminación, electricidade e fontanaría, así como a dotación de novo mobiliario e outros elementos necesarios para a súa posta en funcionamento.
“Estas actuacións harmonizarán o entorno, mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio e fortalecerán a actividade social, cultural e administrativa, garantindo que os espazos sexan accesibles, seguros e adaptados ás necesidades da comunidade”.
Asociación Atila de Muras
Por último en materia de convenios “aprobamos un acordo de case 30.000€ coa Asociación Atila, do Concello de Muras, para colaborar coa conmemoración do 25 aniversario desta entidade”.
No evento inclúese unha ruta a cabalo na zona do Xistral, unha homenaxe aos socios e directivos da entidade, un xantar, actuacións musicais e un campamento hípico de Nadal para nenos, entre outras propostas.
García Porto resaltou que “colaborar co tecido asociativo é fundamental para o desenvolvemento social e cultural da nosa provincia. A través de investimentos coma este fomentamos a socialización entre veciños e veciñas e dinamizamos o rural”.
Máis de 820.000€ para 4 vías provinciais
No que ten que ver coa mobilidade da provincia, a institución provincial aprobou un importe conxunto de algo máis de 820.000€ para acondicionar catro estradas que vertebran os Concellos de Chantada, Carballedo, A Pontenova, Trabada e O Vicedo.
Entre Chantada e Carballedo adxudicouse por case 315.000€ á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU os traballos de mellora do firme na LU-P-1801, que é a vía que comunica Chantada e Os Peares por Nogueira. Concretamente, con cargo a este investimento, a Deputación acondicionará un treito de 23 quilómetros da estrada, desde o punto quilométrico 6 ao 29. Os traballos, cun prazo de execución de 3 meses, consistirán na reapertura de cunetas e no acondicionamento do firme.
Entre A Pontenova e Trabada adxudicouse por máis de 187.000€ á empresa Cholo SL o arranxo dun tramo de 4 quilómetros da LU-P-6102, que é a vía que conecta Pontepedrido e Trabada pola parroquia de Vilaformán. As obras que se van realizar nos primeiros catro quilómetros consistirán na reapertura de cunetas, na repavimentación e no pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. O prazo de execución destes traballos é de 3 meses.
Por último, no Vicedo adxudicouse por preto de 330.000€ a Carferlo SL o acondicionamento de dous tramos de dúas estradas provinciais: a LU-P-6401, de Suegos a Folcoeira no límite provincial; e a LU-P-6402, que conecta O Vicedo con Cristo de Portapena. “Con esta actuación melloraremos tamén un ramal de algo máis de quilómetro e medio que conecta ambas estradas á altura de Negradas. As obras consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. E o prazo de execución será de 3 meses desde o inicio dos traballos”, rematou.




















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



