Ribadeo, 27 de novembro de 2025. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) presenta unha nova edición da súa campaña do Black Friday, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de novembro, coa participación de mais de 30 establecementos da vila. A iniciativa ofrecerá descontos especiais e promocións exclusivas co obxectivo de dinamizar a actividade comercial e reforzar o tecido económico local.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explica que “os establecementos participantes ofrecerán descontos en moda, calzado, complementos, deporte, decoración, óptica, saúde, beleza e moito máis. A ampla variedade de comercios adheridos garante unha oferta diversa e atractiva para todas as idades e necesidades. O Black Friday sempre é un éxito e agardamos que nesta edición se manteña”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, destaca que “esta campaña non só pretende atraer clientela durante estas datas sinaladas, senón tamén concienciar sobre a importancia de apostar polo comercio de proximidade, un sector fundamental para o emprego, a vida urbana e a identidade de Ribadeo. Cada compra feita aquí repercute directamente no benestar da nosa comunidade, mantén vivos os negocios de sempre e axuda a que Ribadeo siga sendo un referente comercial e turístico”.
Pérez Prada conta que “durante esta edición do Black Friday os establecementos participantes ofrecerán unha ampla variedade de promocións, entre as que destacan descontos do 10%, 15%, 20% e ata o 50% en moda, calzado, complementos, artigos deportivos, decoración e produtos de tempada, ademais de ofertas 3×2 en artigos seleccionados, liquidacións especiais con prezos moi reducidos, descontos en marcas concretas, promocións válidas en días específicos e mesmo agasallos directos por compra, como láminas orixinais. Trátase dunha proposta completa e diversa que permitirá á clientela atopar grandes oportunidades ao tempo que apoia e dinamiza o comercio local de Ribadeo”.
E engade: “a campaña coincide ademais co uso da moeda local, a Pancha, unha ferramenta creada para estimular o consumo nos establecementos ribadenses. Durante estes días, as persoas usuarias poderán empregar esta moeda para beneficiarse dos descontos adicionais do Black Friday e do aforro que implican as panchas, é dicir estes tres días será dobre o aforro se mercan en Ribadeo”.
Cruzado Iglesias anima a aproveitar esta campaña: “convidamos á veciñanza e visitantes a participar activamente nesta campaña, desfrutar dos mellores prezos e apostar polo comercio que forma parte da nosa vida diaria, aproveitando a oportunidade de apoiar aos negocios locais nestas datas clave. No comercio local atopamos un trato próximo e o mellor asesoramento posible, o que nos fan as persoas que se atopan detrás do mostrador. Os pobos teñen vida grazas ao seu tecido empresarial, non nos cansamos de dicilo todos os días. Sen negocios locais os pobos morren, desaparecen e iso non podemos permitilo”.
A presidente de Acisa conta que “participan na campaña do Black Friday de Acisa Ribadeo os seguintes establecementos: QueroColo, Siñeiro, Bora Bora, Calzados La Moda, La Moda Básico, Anaís, Ginzo Hombre-Mujer, Casa Mandarina, Mimimó, Atleet, Sendín, Vitaldent, La Coqueta, Sanjurjo, Esprit, For Friends, Opticalia, Ohana, Grisi, Galán Moda Hombre, Naná, Deportes Docobo, Imag_n365, Óptica Miró, Miss-Tic, Jilgueritos, Ribeirao, Glass, Galería Terra Branca, Boutique Pippol’s, Hola Ola, Xeito Decoración e Mika. Para máis información as súas ofertas nestes días pódense consultar na web e redes sociais da nosa entidade”.
A actividade esta organizada por Acisa Ribadeo e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.
25 de novembro
Presidenta e xerente engaden: “coincidindo coa xornada de hoxe, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde Acisa Ribadeo queremos resaltar o noso compromiso firme e inequívoco coa loita contra a violencia machista. Como entidade representativa do comercio e do tecido empresarial da vila, sumámonos á necesidade de construír unha sociedade libre de violencias, máis xusta e igualitaria. Expresamos o noso apoio a todas as vítimas e ás súas familias e convidamos á cidadanía a manter viva a concienciación e a participación activa nesta causa fundamental para o presente e o futuro da nosa comunidade”. Carmen Cruzado e Jesús Pérez asistiron ao acto convocado polo Concello de Ribadeo na Praza de Abastos este mediodía.





















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



