Santiago de Compostela, 12 de xaneiro, 2026. UCIN Galicia, a través do seu coordinador José Luis Calo, reclama unha resposta inmediata, firme e sen ambigüidades por parte das administracións competentes ante as graves consecuencias que, ao seu xuízo, terá o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur para o sector primario galego, especialmente para os produtores de carne e leite.
A formación advirte dunha “competencia desleal absolutamente inaceptable”, derivada da entrada de produtos procedentes de Mercosur con aranceis baixos e con estándares sanitarios, ambientais e laborais moi inferiores aos que se lles esixen aos gandeiros galegos. Sinala que, mentres en Galicia se cumpre estritamente coa PAC, coa normativa europea e cunha elevada carga de custos, se permite a importación masiva de producións obtidas en condicións que non serían legais na Unión Europea.
Segundo UCIN Galicia, esta situación coloca a produción galega nunha clara desvantaxe fronte a modelos extensivos e de grande escala, poñendo en risco a viabilidade económica de milleiros de explotacións, o emprego no rural e o equilibrio territorial. A organización critica tamén a “escasa ou nula actuación” dos actuais responsables políticos no Parlamento español e no Parlamento Europeo, aos que acusa de non defender os intereses do sector primario galego nin garantir a protección dos fondos da PAC e dos programas de desenvolvemento rural, que consideran seriamente ameazados polas novas propostas comunitarias e polo propio acordo UE–Mercosur.
UCIN Galicia lembra que as organizacións agrarias galegas xa manifestaron de forma clara o seu rexeitamento ao acordo, unha posición que a formación comparte e respalda.
Demandas urxentes de UCIN Galicia
1. Presión política e reivindicación
• Esixir ao Goberno de España e á Unión Europea a aplicación inmediata de cláusulas de salvagarda reais e efectivas que permitan bloquear importacións cando non se cumpran as mesmas condicións esixidas aos produtores europeos.
• Implantar un etiquetado obrigatorio, claro e transparente sobre a orixe e as condicións de produción, tanto ambientais como sociais, para que o consumidor poida diferenciar e priorizar o produto galego.
• Establecer medidas de apoio directo á rendibilidade das explotacións, incluíndo axudas á incorporación de xente nova, compensacións polos elevados custos de produción e primas ligadas á calidade e á sustentabilidade.
2. Loita contra as enfermidades gandeiras (DNC)
• Reclamar ao Ministerio de Agricultura unha coordinación estatal efectiva, con medidas homoxéneas fronte á Dermatosis Nodular Contaxiosa (DNC).
• Esixir o impulso dunha vacina preventiva a nivel europeo.
• Garantir indemnizacións contundentes, xustas e inmediatas no caso de detectarse focos en Galicia, evitando que os gandeiros asuman as consecuencias da inacción institucional.
3. Fomento do consumo local
• Promover campañas estables de “Compra Galego” para concienciar á cidadanía sobre a importancia de apoiar o produtor local e manter vivo o territorio.
• Impulsar a preferencia polos produtos galegos na restauración colectiva e nas compras da administración pública.
4. Fortalecemento do sector
• Apostar pola valorización dos produtos galegos, como a carne de vacún, reforzando selos de calidade recoñecidos como a IXP Ternera Galega.
• Apoiar a diversificación e modernización das explotacións, garantindo a súa competitividade e sustentabilidade a longo prazo.
José Luis Calo subliña que “non se pode seguir sacrificando o sector primario galego en nome de acordos comerciais que benefician a terceiros países mentres se abandona a quen sostén o rural e a soberanía alimentaria”.
UCIN Galicia afirma que continuará defendendo con firmeza o campo galego e esixindo responsabilidades políticas “alí onde hoxe só hai silencio e deixación de funcións”.
















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



