Unha das frases moi citadas hai un tempo foi unha variante desta: se unha bolboreta move as ás no Amazonas, remata habendo un furacán en Ribadeo. Ben, a frase orixinal coido que se refería a Texas, e ocultaba que as probabilidades son moi pequenas, incidindo polo contrario en que existe a probabilidade, aínda que nos pareza imposible, un fenómeno sen control, que se nos escapa. E é que si, a frase só tenta poñer en coñecemento da xente un tema científico, nomeado como a teoría do caos.
Volvendo ó Amazonas, todo o mundo sabe que é o visible pulmón verde do planeta, e que pola deforestación está pouco a pouco deixando de selo. En maior ou menor medida, segundo o goberno que lle toque, pero hai moito tempo que está a perder superficie arborada a un ritmo grande, que se non lembro mal se chegou a cuantificar como varios campos de fútbol por minuto, ou algo así. A cifra concreta é variable co tempo e é o de menos, a cantidade asusta de calquera xeito e os efectos sobre o pulmón tamén. Tanto que, sen chegar a parar os cortes de árbores, tense tentado frear de diversos xeitos, e é motivo de crítica mundial. Máis aínda cando se está a revelar que debido a procesos asociados coa corta está a deixar a ser o pulmón planetario para pasar a ser un consumidor neto de osíxeno. Algo para nós imaxinable como un cancro de pulmón, o que provoca críticas fortes e acusacións xa non só a quen deforesta de xeito directo, senón ó goberno como representante de todo o país que acubilla a maioría do Amazonas, Brasil. É unha monstruosidade que afecta ó futuro de todos, e quen explota a selva e contribúe a ese desastre ambiental cóidase ben de tentar axitar boas causas para tentar compensar a imaxe do que está a facer, consciente de que está a facer mal para encher os seus petos.
A uns sete mil quilómetros da capital do estado de Amazonas (por poñer unha referencia na selva aínda hoxe inmensa de varios millóns de quilómetros cadrados) un pequeno pobo, Ribadeo, está facendo algo semellante ó que remato de describir. Cortas continuadas no seu arborado. Mesmo en proporcións moito maiores que no Amazonas: no Amazonas levan máis de medio século a toda máquina e as calvas, vistas por satélite, son evidentes, pero aínda unha proporción moderada de espazo. En Ribadeo, diminuto en comparación, dous anos abondan para que o arborado público se vexa notablemente minguado. Mais o proceso é semellante. Córtase e alégase de que é por un ben, mentres queda a superficie pelada, a terra á vista, os penedos listos para producirse desprendementos. Claro que as diferenzas, debidas a varios factores, dende a xa mencionada extensión dun e outro lugar á densidade de poboación, tamén son evidentes. Quizais o máis evidente sexa que no Brasil é a iniciativa privada quen corta, mentres os poderes públicos máis ben miran para outro lado. En Ribadeo son os poderes públicos os que se encargan de cortar, mentres a iniciativa comunitaria se enfronta á corta. E claro, en Ribadeo, é dicir, a moi pequena escala, considéranse máis cousas como a beleza ou a sombra que a cantidade de osíxeno producido, aínda que a incidencia no clima, o seu cambio e a mitigación do mesmo, estean aí.
E, no medio da emerxencia climática, novas enfermidades afectan ós xigantes verdes. É o caso das palmeiras, que quizais por ser vistas como o futuro dunha terra de sol no reino da chuvia e turismo motor da xentrificación, librábanse da corta…
















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



