Lugo, 24 de febreiro de 2026. A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por un importe de 4.643.855,35 euros, dos servizos de limpeza, desinfección e xestión de residuos dun total de 42 centros de atención primaria da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
O contrato terá unha duración inicial de dous anos e prevese unha posible prórroga por 24 meses máis. Neste caso, o valor estimado do contrato ascenderá ata os 9.210.952,78 euros.
O expediente inclúe a limpeza dos centros de saúde de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ourol, San Cibrao da Viñas, O Valadouro, Xove, Abadín, Baralla, O Incio, Láncara, Fingoi (Lugo), García Portela (Lugo), Illas Canarias (Lugo), Centro Integral de Saúde de Lugo, Praza de Ferrol (Lugo), Sagrado Corazón (Lugo), San Roque (Lugo), Monterroso, Navia de Suarna, A Pastoriza, A Pontenova, Rábade, Riotorto, centro de saúde da Barrela (Carballedo), Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.
Ademais, tamén prevé as tarefas de desinfección e xestión de residuos dos puntos de atención continuada de Mondoñedo, Ribadeo, A Fonsagrada, Viveiro, Guitiriz, Vilalba, Meira, Sarria, Chantada e Quiroga.
A superficie total destes centros sanitarios é de 46.610 metros cadrados, ademais de contar con preto de 11.000 metros cadrados de vidro. O contrato tamén inclúe a limpeza de paredes, linóleos e o mobiliario destas infraestruturas sanitarias.
O servizo integral de limpeza é unha das medidas máis eficientes á hora de romper e eliminar todas aquelas cadeas epidemiolóxicas que xorden das infeccións, virus e bacterias.
Trátase dunha prestación imprescindible que ten como obxectivo proporcionarlles espazos limpos a usuarios e pacientes e ao persoal que traballa nos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 26 de marzo para presentar as súas ofertas.


















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



