ADEGA pide a demisión ou o cesamento da Conselleira de Medio Ambiente
Galiza, a 27 de febreiro de 2026. A Sala Terceira do TSXG vén de ditar sentenza, con data 13 de febreiro do ano en curso, na que estima a demanda interposta por ADEGA fronte á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e declara a nulidade parcial da Orde que aprobaba a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas.
ADEGA impugnou dita Orde porque Medio Ambiente eliminou a prevista categorización como “zona de amortecemento” da área na que se pretendía implantar o proxecto de Altri, sen achegar explicación ningunha. A Sala acolle a argumentación de ADEGA e considera que o proceder da Xunta é contrario ao principio de non regresión en materia medioambiental, e declara que a administración autonómica non motivou nin xustificou o cambio de criterio a respecto da protección da zona en cuestión:
“Así para realizar ese cambio e promover a desprotección deses terreos necesariamente a demandada tería que aportar unha especial motivación que xustificase dita desprotección con base nun interese xeral ou público, e revisado o expediente non consta ningunha motivación, extremo que é moi relevante por canto é contraditorio e sumamente estrano e sen motivación, por unha banda recoñecer a relevancia ambiental dese espazo e que posteriormente logo do trámite de información pública, se modifique dito recoñecemento”.
Cómpre salientar que, tal e como se sinala na Sentenza, a propia Estratexia define as zonas de amortecemento como aquelas nas que están presentes hábitats prioritarios e especies incluídas nos Catálogos de Especies Ameazadas. Son territorios que actúan como tapón entre a matriz da paisaxe e os corredores ecolóxicos e espazos naturais protexidos. Esta funcionalidade, en palabras da propia Sala, “corrobora a mención da parte recorrente de que gozan as zonas de amortecemento dunha especial protección por motivos medioambientais”.
A sentenza falla que debe manterse a protección da zona tal e como figuraba antes do trámite de información pública, e, en consecuencia, obriga á Xunta a recuperar a consideración como zona de amortecemento da área de referencia na que se pretendía implantar o proxecto de Altri, lindante coa ZEC Serra do Careón.
A sentenza trunca a viabilidade ambiental da macrocelulosa de Altri
Esta decisión xudicial ten repercusións moi positivas para a defensa ambiental do país e, nomeadamente, para a preservación da Ulloa e da Serra do Careón fronte a ameaza de Altri. O fallo elimina calquera expectativa de que a macrocelulosa se implante na área prevista, e evidencia que a DIA (declaración de impacto ambiental) favorábel outorgada pola Xunta ao proxecto resulta nula, por non considerar a protección ambiental inherente á condición de zona de amortecemento ambiental do territorio pretendido por Altri.
ADEGA resalta a singularidade desta sentenza por ser o primeiro pronunciamento xudicial que compromete directamente a viabilidade ambiental da factoría de Altri en Palas de Rei, e non descarta que o fallo do TSXG fora o que prcipitara o anuncio do arquivo do proxecto pola conselleira Lorenzana e o presidente Rueda. Ademais, o fallo dificulta calquera tentación da Xunta de Galiza de pechar en falso a tramitación macrocelulosa de Altri coa intención de deixar abertas fendas administrativas á futura recuperación do proxecto.
Denegación do proxecto e dimisión da conselleira
Á vista do contido desta sentenza, ADEGA esíxelle á Xunta non só que resolva expresamente e desestime os procedementos de autorización ambiental integrada (AAI) e de concesión de augas de Altri, senón tamén que declare nula a DIA de marzo de 2025 e revogue a declaración proxecto industrial estratéxico de decembro de 2022.
A sentenza tamén pon de manifesto, máis unha vez, o absoluto desprezo da Xunta polos procedementos administrativos legalmente previstos para a toma de decisións, así como a súa parcialidade sistemática en favor de intereses espúreos e contra o interese xeral e a protección do medio ambiente. En consecuencia, dende ADEGA pedimos a dimisión ou o cesamento da Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez Mejuto, pola súa actuación neglixente e ilegal para favorecer o proxecto de Altri contra o interese xeral e a legalidade ambiental.


























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



