A Presidenta e Alcaldesa de Burela estivo reunida cos responsables de cámara destes municipios, así como con familiares e amizades de veciños e veciñas caboverdianas residentes na provincia e coa Embaixadora de España neste país africano
Lugo, 12 de marzo de 2026. A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, iniciou en Cabo Verde a súa axenda institucional cunha primeira xornada na que visitou a capital, Praia, e os municipios de Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito, onde mantivo encontros con responsables das cámaras municipais (alcaldes en España), con familiares e amizades de veciños e veciñas caboverdianas residentes en Burela e coa embaixadora de España no país, Ana Paredes. A visita permitiulle coñecer de primeira man territorios que manteñen unha estreita relación social e migratoria coa comarca da Mariña, especialmente con Burela, onde reside unha importante comunidade caboverdiana.
Durante a xornada, López mantivo reunións con representantes municipais das localidades visitadas para intercambiar impresións sobre a realidade social e económica destes territorios e reforzar os vínculos institucionais entre Cabo Verde e a provincia de Lugo. No marco da visita a Porto Mosquito, López achegouse ao Bar Galycia, un establecemento rexentado por veciños vinculados con Burela e que simboliza os lazos sociais e culturais entre ambos territorios. Ademais, puido visitar vivendas de familias con relación coa comunidade burelesa e coñecer a actividade pesqueira que se desenvolve na zona.
“Para nós é moi importante poder visitar estes lugares e coñecer a realidade das familias das que proceden moitos veciños e veciñas de Burela. A relación entre Cabo Verde e a comarca da Mariña vai moito máis alá da emigración: son vínculos humanos, familiares e culturais moi fortes”, sinalou.
Embaixadora de España en Cabo Verde
No marco da súa visita institucional, Carmela López mantivo tamén un encontro coa embaixadora de España en Cabo Verde, Ana Paredes, a quen trasladou a necesidade de reforzar a atención consular á comunidade caboverdiana residente na provincia de Lugo. Explicou que moitos destes veciños e veciñas teñen que desprazarse actualmente a Lisboa ou a Madrid para realizar trámites como a renovación de pasaportes ou outras xestións documentais. Aínda que recentemente se conseguiu que persoal consular se desprace a Burela nunha xornada para facilitar estes trámites, López sinalou que esta medida resulta insuficiente e plantexou a posibilidade de que estas visitas se realicen polo menos cada seis meses.
“A comunidade caboverdiana é unha parte esencial da nosa provincia e debemos facilitar ao máximo a realización destes trámites. Moitas destas persoas traballan no mar e pasan semanas embarcadas, polo que cando regresan supón un esforzo moi grande ter que viaxar tan lonxe para resolver cuestións administrativas”, indicou.
Participación no II Encontro Internacional de Mulleres Electas
Carmela López participa estes días en Praia no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde.
O foro reúne a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia baixo o lema “Electas no local, unha voz global”, co obxectivo de compartir experiencias e avanzar na participación efectiva das mulleres no poder local.
No marco deste encontro internacional, Carmela López participará como relatora na mesa dedicada ás boas prácticas municipais con enfoque de xénero, na que compartirá a súa experiencia institucional tanto á fronte da Deputación de Lugo como na súa traxectoria no ámbito municipal.
A presidenta provincial destacou a importancia deste tipo de espazos de cooperación entre administracións locais para avanzar na igualdade e fortalecer redes internacionais de colaboración entre mulleres que exercen responsabilidades públicas.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.


