Burela, 13 de marzo, 2026. A frota de palangre demersal da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela renovou esta mañá a certificación da ecoetiqueta Pescaenverde, outorgada pola Universidade de Santiago de Compostela. Esta distinción, que xa recibira en 2022, acredita á frota como a primeira e única de altura certificada polo seu baixo impacto ambiental, tanto pola reducida pegada de carbono como pola elevada taxa de retorno enerxético da súa actividade.
O acto estivo presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo. O xerente da OPP-7 Burela, Sergio López, destacou o compromiso da frota palangreira coas boas prácticas e coa sustentabilidade, lembrando que apostou por esta arte selectiva como pesca de futuro, a pesar das dificultades derivadas das vedas impostas pola Comisión Europea en 2022.
Aquel peche dos ecosistemas mariños vulnerables supuxo un forte impacto para o sector, cunha caída do 32% nas capturas de pescada do pincho e unha seria preocupación pola viabilidade da frota a curto prazo. “Este selo demostra que queremos facelo ben, xerando unha baixa pegada de carbono e unha alta eficiencia enerxética, algo que debería traducirse nun maior valor engadido no mercado”, sinalou López.
Pola súa banda, o vicerreitor da USC subliñou o valor nutricional do peixe e a importancia de demostrar que a actividade pesqueira tamén contribúe ao coidado do medio ambiente. Lembrou que a frota de palangre demersal de Burela continúa sendo a única de altura certificada con Pescaenverde, un exemplo da implicación de toda a cadea de valor.
A conselleira do Mar puxo en valor esta renovación, que combina tradición e innovación, e destacou o traballo conxunto do sector, da ciencia e da administración galega. Tamén lamentou que, malia o esforzo pola sustentabilidade, as vedas europeas provocasen un forte prexuízo económico ás frotas afectadas.
O acto concluíu coa entrega dos certificados, que renovan a ecoetiqueta ata 2029 e que inclúen 24 barcos palangreiros de Burela: 16 pertencentes á OPP-7 e 8 á asociación de Armadores de Burela.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


