Castiñeira traslada a preocupación dos veciños e veciñas ante a “erosión gravísima” que afecta ás praias do Castro e Arealonga e advirte do “mal estado do paseo marítimo que levamos tempo pedindo que se arranxe canto antes”
Foz, 21 de marzo de 2026. O Partido Popular esixe “prazos” para a que consideran unha obra “urxente” polo perigo que supón para a plataforma ferroviaria: a estabilización do talude á altura da praia de Arealonga, entre as parroquias focenses de Fazouro e Nois.
Os senadores José Manuel Balseiro e Juan Serrano e o portavoz do PP de Foz, Javier Castiñeira, comprobaron o seu estado despois de terse producido un desprendemento no acantilado en marzo do 2024 que afectou ao paseo marítimo de Cangas.
O Partido Popular, a través dos seus representantes no Senado -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano-, tense interesado por coñecer dende a Cámara Alta a previsión do Goberno de España á hora de executar actuacións coas que garantir a seguridade do servizo de ferrocarril (FEVE) que, na actualidade, ten que reducir a súa velocidade na zona ante o risco de desprendemento.
O Goberno do Estado confirma que adxudicaron obras por 1,28M€ para levar a cabo esta obra e outra para estabilizar taludes en dous tramos entre os apeadeiros de Viveiro e Xove por 819.000€, “pero evitan dar prazos” para o remate da obra que “corre présa”, segundo apunta Balseiro.
O senador mariñán explica que “fai case dous anos que se produciron os desprendementos nos acantilados afectando ao paseo marítimo de Cangas que se atopa cortado na actualidade”. A situación é “preocupante” xa que “pola parte de arriba pasa a liña do FEVE”. E os trens que pasan -dous ao día en sentido Ferrol e dous en sentido Xixón, despois dos recortes de servizos- “teñen que aminorar a súa velocidade na zona”.
O portavoz do PP de Foz advirte da “erosión gravísima” nos acantilados que afecta ás praias consecutivas do Castro e Arealonga e que “preocupa aos veciños de Fazouro e Nois”. Castiñeira expresa tamén a súa preocupación pola vía do tren que “está en perigo” e subliña o “mal estado do paseo da praia de Arealonga que levamos tempo pedindo que se arranxe canto antes”. E engade que “os escombros dan pena tirados enriba da praia” que debería abrir, en escasos meses, este verán.





















A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



