A provincia de Lugo ten 2.205 potenciais beneficiarios, que poderán facer uso do Bono durante todo o ano nos 4.781 establecementos adheridos en España, 390 deles en Galicia
Lugo, 9 de xullo de 2026. A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, animou á mocidade lucense nacida no 2008 a solicitar o Bono Cultural Xove na súa quinta convocatoria, correspondente a 2026. Esta axuda, de 400 euros, poderase destinar á adquisición e desfrute de produtos, servizos, formación e actividades culturais.
Na súa visita á tenda lucense “Muralla de Cómics”, a subdelegada quixo destacar a importancia desta medida para “favorecer o acceso á cultura dos máis novos e a visibilidade dun sector creador e fundamental para a evolución da sociedade”. “O Goberno de España pretende achegar a cultura, a través das experiencias, os produtos e a contorna dixital, á poboación nova, nun momento das súas vidas no que a formación e os coñecementos adquiridos nese campo poden afastalos de contornas menos beneficiosas”, engadiu López.
Para solicitalo, as persoas que cumpran 18 anos en 2026 deben rexistrarse e realizar a solicitude na web https://bonoculturajoven.gob.es/ ata o 31 de outubro. Será imprescindible que, previamente, os interesados obteñan unha destas tres formas de identificación dixital: Cl@ve con rexistro básico (que se pode solicitar e obter por videochamada), Cl@ve con rexistro avanzado (de forma presencial e para aqueles que non cumprisen aínda os 18 anos) ou ben o Certificado dixital.
Os mozos e mozas interesados en solicitar o Bono Cultural Xove poden realizar o trámite en nome propio ou a través da representación dun adulto, para o que é preciso anexar o formulario de representación descargable na páxina web, correctamente asinado polo beneficiario. Nestes casos, o libro de familia non é un documento acreditativo da representación.
A esta axuda teñen dereito as persoas nadas en 2008 que sexan de nacionalidade española, posúan residencia legal en España ou sexan solicitantes de asilo, desprazados temporais ou estranxeiros ex tutelados. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, trátase de 2.205 potenciais beneficiarios na provincia de Lugo.
Sobre o Bono Cultural Xove
A partir da concesión da axuda, a mocidade dispoñe dun ano para utilizar os 400 euros en produtos ou servizos culturais nos establecementos físicos adheridos, 4.781 en toda España, 390 deles en Galicia (case 70 máis que o ano pasado).
O Bono Cultural Xove funciona cunha tarxeta prepago que o beneficiario pode ter de forma virtual no seu móbil ou recibir de forma física na casa. Con ela pode gozar de experiencias e produtos culturais, que se dividen en tres categorías para favorecer a diversificación do gasto, coa seguinte distribución:
100 euros para produtos físicos, por exemplo, libros, prensa ou discos.
100 euros para produtos dixitais, como subscricións a plataformas, prensa dixital, pódcast ou videoxogos en liña.
200 euros para artes escénicas: teatro, concertos, cinema, danza, museos, festivais…
Como novidade desta convocatoria, ata un máximo de 400 euros destinados a cursos e talleres de tipo cultural en modalidade presencial e en liña; instrumentos musicais e medios de creación e artísticos.
O Bono Cultural Xove está regulado polo Real Decreto, con vixencia indefinida, que o Consello de Ministros aprobou o 21 de marzo de 2023, a proposta do ministro de Cultura. Conta cunha dotación de 170 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado.




















Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



