Viveiro, 9 de xullo, 2026. O Grupo Municipal Socialista de Viveiro celebra que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dea un novo paso na súa tramitación e poida chegar proximamente á súa aprobación provisional. Considera que se trata dunha noticia positiva para o municipio, que leva máis de dúas décadas agardando por un instrumento de planificación urbanística imprescindible para o seu desenvolvemento.
O PSOE de Viveiro quere, no entanto, aclarar algunhas afirmacións realizadas polo actual goberno municipal na presentación pública deste anuncio. O grupo socialista subliña que o PXOM que agora se leva a aprobación provisional non naceu hai un ano nin é froito dun novo procedemento, senón que é exactamente o mesmo expediente iniciado e impulsado polo anterior goberno socialista, coa mesma empresa redactora e coa mesma tramitación técnica e administrativa. Engaden que o traballo realizado durante anos polo anterior executivo permitiu atender sucesivamente os requirimentos formulados polas distintas administracións ata deixar o expediente preparado para afrontar esta fase.
Desde o PSOE consideran “sorprendente” que quen durante anos cuestionou o traballo desenvolvido polo anterior goberno e polo equipo redactor presente agora como un logro propio a continuidade dese mesmo expediente.
O grupo socialista lembra tamén que unha parte importante do atraso do PXOM non foi consecuencia da falta de traballo municipal, senón da demora na emisión de informes por parte de distintos organismos da Xunta de Galicia. Destacan especialmente o caso de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio, que mantiveron o expediente durante arredor de tres anos sen emitir resposta, malia os reiterados escritos remitidos desde o Concello reclamando a súa resolución.
A anterior alcaldesa, María Loureiro, chegou incluso a trasladar persoalmente esta situación ao daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamando o desbloqueo dun expediente que permanecía paralizado. Segundo o PSOE, foi a partir dese momento cando se puido continuar coa súa tramitación.
Durante os gobernos socialistas, o PXOM foi tratado como unha cuestión de cidade. Entre 2019 e 2024 celebráronse doce reunións da Comisión Especial do PXOM e de voceiros para informar puntualmente da evolución do expediente: unha en 2019, dúas en 2020, dúas en 2021, dúas en 2022 e cinco en 2024, a última delas o 25 de novembro, antes da moción de censura. Nesas reunións compartíase información coa totalidade dos grupos políticos porque, segundo o PSOE, sempre se entendeu que un documento desta transcendencia debía tramitarse desde o consenso, a participación e a máxima transparencia.
Por iso, o grupo socialista expresa a súa sorpresa ante o feito de que, desde a chegada do novo goberno, só se convocase unha reunión informativa en 2025 coa oposición sobre a evolución do PXOM e ningunha en 2026. Afirman descoñecer se o Partido Popular e Por Viveiro mantiveron encontros internos sobre este asunto, pero critican que se excluíse aos restantes grupos municipais, malia que o PSOE solicitou en varias ocasións a convocatoria da Comisión Especial para coñecer o estado da tramitación. A resposta, aseguran, foi sempre o silencio.
Agora anúnciase a convocatoria da Comisión Especial do PXOM para o 10 de xullo e, apenas uns días despois, a celebración dun pleno extraordinario para a aprobación provisional dun dos documentos máis importantes da historia recente de Viveiro. O PSOE considera que esta non é a forma adecuada de tramitar un expediente desta envergadura, lembrando que se trata de miles de páxinas, informes técnicos, alegacións e documentación urbanística que require unha análise rigorosa e responsable. Critican que a oposición reciba toda a documentación practicamente ao mesmo tempo que se fixa a data da comisión e do pleno.
A alcaldesa afirmou publicamente que os grupos municipais deben pronunciarse sobre o PXOM. O PSOE responde que, precisamente por responsabilidade, antes de convocar a Comisión Especial e anunciar o pleno extraordinario debería terse celebrado unha reunión previa de traballo que permitise estudar polo miúdo toda a documentación, resolver dúbidas e facilitar un verdadeiro consenso arredor dun documento chamado a marcar o futuro urbanístico de Viveiro durante as próximas décadas.
O Grupo Municipal Socialista asegura que actuará, como sempre fixo, con responsabilidade institucional. Estudará con rigor toda a documentación que se lle entregue e defenderá aquilo que considere mellor para o interese xeral de Viveiro. Conclúe que o importante non é apropiarse politicamente do PXOM nin facer anuncios para a foto, senón aprobar un bo Plan Xeral, con todas as garantías, coa máxima transparencia e co maior consenso posible entre todas as forzas políticas e a veciñanza.





















Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



