A iniciativa, subvencionada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, busca previr o illamento e mellorar a atención ás persoas maiores e en situación de vulnerabilidade
El Franco, 31 de xullo, 2026. O Concello de El Franco presentou este mércores, 29 de xullo, no Auditorio As Quintas da Caridá, o proxecto “LAZOS. Comunidad de Cuidados. Siempre Cerca”, unha iniciativa destinada a reforzar os servizos sociais e as redes comunitarias de apoio existentes no municipio.
O proxecto está subvencionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e ten como obxectivo previr situacións de soidade, illamento e vulnerabilidade, especialmente entre as persoas maiores. Pretende tamén mellorar a coordinación entre os servizos públicos, os profesionais e os axentes sociais que traballan diariamente en contacto coa poboación.
O acto contou coa participación da directora xeral de Xestión de Dereitos Sociais do Principado de Asturias, Diana María Fernández Zapico, e da alcaldesa de El Franco, Cecilia Pérez Sánchez. A condución e presentación estivo a cargo da concelleira Victoria Zarcero.
Durante a presentación proxectouse o audiovisual “LAZOS”, elaborado coa participación de profesionais sanitarios, traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e do Centro Rural de Apoio Diúrno, comerciantes, asociacións, representantes das forzas de seguridade, profesionais do transporte e veciños do municipio.
O vídeo reflicte o papel que desempeñan estas persoas e entidades na detección de necesidades, no acompañamento cotián e na atención a quen pode atoparse nunha situación de maior fraxilidade. Esta colaboración constitúe a base dunha comunidade de coidados adaptada ás características dun municipio rural e disperso como El Franco.
A alcaldesa destacou durante a súa intervención que “lo más importante para este equipo en el Ayuntamiento siempre fueron las personas, para ellas trabajamos”. Cecilia Pérez sinalou que o proxecto permitirá consolidar unha forma de atención baseada na proximidade, na coordinación e no coñecemento directo do territorio.
LAZOS busca facilitar que as persoas maiores poidan continuar vivindo no seu domicilio e no seu contorno habitual durante o maior tempo posible, cos apoios necesarios para preservar a súa autonomía, seguridade e calidade de vida. Para iso, traballarase na prevención, na detección temperá de necesidades, no acompañamento e na mellora da comunicación entre os distintos recursos dispoñibles.
Entre as súas liñas de actuación inclúese tamén o reforzo do Centro Rural de Apoio Diúrno, un servizo municipal que contribúe ao envellecemento activo, á autonomía persoal e á conciliación das familias coidadoras.
O Concello de El Franco considera que este proxecto representa un avance na atención social do municipio e permite adaptar as políticas públicas ás necesidades específicas da poboación rural. A iniciativa baséase tanto nos servizos profesionais como na implicación dunha comunidade que mantén unha relación estreita cos seus veciños e coñece de maneira directa as necesidades do territorio.
O consistorio agradece a colaboración de todas as persoas, profesionais, entidades e colectivos que participaron na elaboración e presentación de LAZOS. A súa implicación permitirá seguir construíndo unha rede de coidados máis coordinada, accesible e próxima.


















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



