Montse Valcárcel sinala que as advertencias do BNG dos efectos do eucalipto foron desatendidas polas Xunta durante anos
Santiago de Compostela, 20 de agosto, 2026. A portavoz de Montes e Industrias Forestais do BNG no Parlamento, Montse Valcárcel, reclama ao Partido Popular galego que aplique en Galiza as mesmas medidas que o presidente da Junta de Andalucía, Juanma Moreno, está a anunciar para reducir progresivamente as masas de eucalipto tras o incendio de Niebla, en Huelva.
A deputada nacionalista denuncia así a contradición do PP na súa política forestal e pregunta ao partido en Galiza por que defende a expansión do eucalipto no País mentres o seu presidente andaluz aposta por reducir estas masas forestais. “O que vale para Andalucía tamén ten que valer para Galiza”, sinala.
Para Valcárcel, o anuncio do presidente andaluz dá a razón ás advertencias que o BNG leva anos facendo no Parlamento galego. A deputada lembra que, durante os debates sobre a política forestal, a Conselleira de Medio Rural chegou a cualificar de “obsesión cos eucaliptos” as críticas da formación nacionalista. “A nosa non era unha obsesión, era unha advertencia”, subliña Valcárcel.
“Advertiamos de que a expansión do eucalipto ten consecuencias sobre o territorio, a biodiversidade, os recursos hídricos e tamén sobre a propagación dos incendios. Agora é o propio presidente andaluz do PP quen recoñece a necesidade de reducir estas masas e recuperar especies autóctonas”, sinala.
A portavoz de Montes do BNG no Parlamento considera especialmente contraditorio que o Partido Popular galego manteña unha posición oposta e continúe apostando pola expansión do eucalipto en Galiza. “O PP non pode presentar aquí como solución o mesmo modelo forestal que o seu propio partido identifica como un problema en Andalucía”, afirma Valcárcel, que tamén cuestiona o apoio dos populares ao proxecto de Altri e ao modelo industrial asociado á expansión do eucalipto.
“Por que apoian en Galiza a expansión do eucalipto e Altri mentres o seu presidente andaluz anuncia medidas para reducir estas masas forestais?”, pregunta a deputada nacionalista. “Apoian os eucaliptos e Altri a sabendas ou por ignorancia?”.
Fronte a este modelo, o BNG leva defendendo no Parlamento galego unha política orientada a frear a expansión do eucalipto e recuperar o bosque autóctono. Entre as súas propostas están unha moratoria indefinida e sen excepcións para novas plantacións, a retirada progresiva das masas ilegais ou situadas en zonas de especial risco e impedir a substitución de piñeiros ou bosque autóctono por eucalipto.
A formación nacionalista aposta tamén pola diversificación forestal, a creación de mosaicos de usos e a recuperación de especies autóctonas como ferramentas para avanzar cara a un monte máis resiliente e reducir o risco dos incendios. Valcárcel lembra que o PP xa rexeitou no Parlamento unha iniciativa do BNG para establecer unha moratoria indefinida e sen excepcións ás novas plantacións de eucalipto.


















No acto, o autor estará acompañado por Xosé Ramón Veiga, profesor de Historia Contemporánea na USC, e por Francisco Villamil, profesor de Ciencia Política na Universidade Carlos III. A Galicia moderna (1880-1939) desmonta a visión tradicional dunha Galicia rural, atrasada e pasiva no cambio de século, e amosa a profunda transformación económica, agraria e social que viviu o país nese período.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.



