O sindicato solicita unha reunión urxente coa alcaldesa para coñecer cando culminará a tramitación dun documento respaldado por unanimidade pola representación sindical
Lugo, 14 de setembro de 2026.- A Central Sindical e Independente de Funcionarios (CSIF) solicitou unha reunión urxente coa alcaldesa de Burela ante a demora na aprobación e aplicación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que continúa pendente máis dun ano despois de ter sido acordada por unanimidade coa representación sindical.
A RPT obtivo o respaldo dos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación en agosto de 2025, despois dun longo proceso negociador. Desde entón, a súa tramitación foi acumulando atrasos e, a día de hoxe, o documento segue sen estar definitivamente aprobado nin ter efectos para o persoal municipal.
CSIF entende que os procedementos administrativos deben desenvolverse con todas as garantías, pero advirte de que esas garantías non poden converterse nunha sucesión indefinida de demoras que acaban recaendo sobre os empregados e empregadas públicas.
Despois do traballo realizado para acadar un acordo unánime, o sindicato considera que o tempo transcorrido obriga xa ao Goberno municipal a concretar que pasos quedan pendentes e cando prevé culminalos.
Desde a Central Sindical lembran que o propio Concello presentou no seu momento a RPT como unha ferramenta urxente para adaptar a organización municipal ás necesidades actuais, polo que cren que non resulta coherente destacar publicamente a súa importancia e permitir despois que a súa posta en marcha se prolongue durante máis dun ano.
«Os traballadores e traballadoras do Concello de Burela non poden seguir esperando indefinidamente. A RPT foi negociada e acordada hai máis dun ano. Agora corresponde ao Goberno municipal rematar a súa tramitación e poñela definitivamente en marcha», sinala o sindicato.
A reunión solicitada pretende coñecer as previsións concretas do Goberno municipal respecto da RPT e aproveitar tamén para abordar outros asuntos que afectan ao persoal do Concello.
Entre eles, CSIF considera prioritario avanzar na aplicación da xubilación parcial con contrato de relevo para o persoal laboral que reúna os requisitos establecidos legalmente.
CSIF agarda que a Alcaldía atenda a solicitude e permita abrir un diálogo sobre estas cuestións, pero reclama que ese diálogo se traduza tamén en decisións, prazos e respostas concretas que redunden no beneficio do persoal.




















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



