O pasamento de Xosé Manuel Beiras abre unha fenda profunda na historia contemporánea de Galicia. Desaparece o intelectual e dirixente político que contribuíu decisivamente a transformar o galeguismo, vinculando a conciencia nacional coa análise material da economía, a soberanía política e a defensa dos intereses do país. Beiras non foi só o máis grande referente do nacionalismo dende Castelao, senón que dende Castelao foi o principal referente da Nación, quen mellor expresou a Galicia como suxeito político colectivo, con identidade, vontade de autogoberno e dereito a decidir o seu futuro.
A súa revolución intelectual arrinca da convicción de non existir emancipación nacional posíbel sen comprender as estruturas económicas que condicionan a vida dos galegos. O atraso económico de Galicia (1972) converteuse nunha obra fundamental desa interpretación. Beiras daba continuidade no 1963 ao traballo iniciado pola Revista de Economía de Galicia, promovida por Xaime Isla Couto no 1958, coa colaboración de Fernández del Riego. A publicación estudaba os problemas produtivos e sociais do país, abrindo unha vía de reflexión que ligaba economía e galeguismo, o que tamén o conectaba co precedente de Alexandre Bóveda. Beiras representou a transformación do galeguismo de postguerra nun proxecto de emancipación económica e política.
A súa traxectoria electoral tamén reflicte as dificultades e os avances dese proxecto. No 1977 encabezou a candidatura do Partido Socialista Galego (PSG) pola Coruña, nunha transición na que as formacións de estrita obediencia galega ficaron condicionadas pola monopolización estatal xerada polos límites antidemocráticos impostos polo Goberno Suárez e maila ruptura entre o galeguismo republicano (co que conectaba Beiras) e o culturalismo piñeirista.
A experiencia empurrou Beiras cara á construción dun espazo político máis amplo. No 1982 naceu o Bloque Nacionalista Galego (BNG), do que Beiras sería voceiro nacional e principal referente durante máis de dúas décadas. Desde o escano acadado en 1985 ate os 18 deputados de 1997, o BNG pasou da marxinalidade parlamentaria a se converter na principal alternativa ao Partido Popular de Manuel Fraga. Beiras foi decisivo nesa transformación: pola súa capacidade oratoria, pola elaboración intelectual e por facer do nacionalismo unha opción política recoñecíbel para sectores sociais moi diversos.
A relación con Fraga amosa outro capítulo vital. Dous adversarios de formación e temperamento moi diferentes chegaron abrir canles de diálogo institucional, sen abandonar por iso as súas profundas discrepancias. A crise do Prestige (novembro 2002) destruíu esa posibilidade. A falla de información á oposición e a resposta das autoridades, nomeadamente estatais, diante da catástrofe ecolóxica que repolitizou á miña xeración, racharon esta xeira. Na fin de 2002 o BNG de Beiras presentou unha moción de censura contra o Goberno Fraga.
A dimensión de Beiras transcendeu amplamente a política galega. A súa formación na Sorbona de París e a London School of Economics, o coñecemento da economía internacional e a interlocución cos movementos altermundialistas e coa esquerda europea deron ao seu pensamento unha perspectiva cosmopolita. Foi un defensor dunha Europa plurinacional e partillou na articulación de espazos de cooperación entre nacións sen Estado. Velaí a reedición do GALEUSCAT entre BNG, CiU e PNV no 1998.
A súa desaparición interpela a tod@s. O recoñecemento público dunha figura desta dimensión non habería depender da coincidencia ideolóxica co Goberno de quenda. A Xunta, nunha mesquiña decisión, non decretou o loito oficial, mais nunha democracia liberal a relevancia histórica dunha persoa non se mide pola súa proximidade ao poder, senón pola pegada que deixa na sociedade. Beiras contribuíu dignificar o parlamentarismo, a Universidade e o pensamento económico galego. É parte substancial da historia contemporánea deste país e explica en grande parte como somos.
A iniciativa civil para que descanse no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, enunciada polo intelectual e artista multimedia Antón Reixa este último venres na súa homenaxe civil de despedida, ha ser considerada con vontade de consenso, canda a proposta dunha Medalla de Ouro de Galicia póstuma en 2027. Non serían concesións partidarias, senón recoñecementos á altura dunha traxectoria excepcional. Será quen Rueda de ser e actuar como Presidente unha vez na súa vida?
Beiras fixo algo que moi poucos conseguen: transformar o xeito no que unha sociedade se pensa a si mesma. Ensinounos que a identidade nacional non é só memoria, lingua ou cultura; é tamén economía, poder e capacidade para decidir. Eis a súa herdanza maior: ter contribuído a que Galicia se conciba non como periferia dependente, senón como unha nación con dereito a construír o seu propio futuro.



















Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



