Nota de prensa
Sonia Verdes anuncia que rexistrou unha Proposición no Parlamento
OS SOCIALISTAS ESIXEN QUE CONTINÚE O PROCESO DE CONCENTRACIÓN PARCELARIA NO CONCELLO DE ALFOZ
-A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista Sonia Verdes denunciou que os gobernos Fraga non iniciaron o proceso de concentración que afectaba a este concello da Mariña Lucense de importante actividade gandeira e agraria
– Asegura que dende a chegada de Feijoo “paralizáronse tódalas actuacións, e nestes dous anos non se ten producido ningún avance do proceso, co consecuente prexuízo para os veciños e as veciñas da zona”
– Anunciou que mañá, xoves día 10 de febreiro, manterá unha xuntanza cons veciños de Alfoz afectados por este asunto. A reunión tamén asistirá o deputado do PSdeG-PSOE Ismael Rego e Manuel Martinez
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2011. A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista Sonia Verdes anunciou hoxe que rexistrou unha Proposición na Cámara Autonómica, na que reclama continuar o proceso de concentración parcelaria de Val de Alfoz no concello de Alfoz ( Lugo) para o que se achegará a suficiente dotación, con cargo aos orzamentos para o ano 2011, co fin de rematar o proceso de concentración á maior brevidade respectando os prazos legais.
Ademais anunciou que mañá, xoves día 10 de febreiro, manterá unha xuntanza cons veciños de Alfoz afectados por este asunto. A reunión tamén asistirá o deputado do PSdeG-PSOE Ismael Rego e Manuel Martinez.
A voceira socialista lembra que no concello de Alfoz a Consellaría do Medio Rural ten iniciados dous procesos de concentración parcelaria, que afectan ás parroquias de Pereiro-Oirás e ao Val de Alfoz, sendo aprobado o decreto polo que se declaraba de utilidade pública e execución urxente, xa a finais dos anos 90.
A maiores denunciou que os gobernos Fraga non iniciaron o proceso de concentración que afectaba a este concello da Mariña Lucense de importante actividade gandeira e agraria. E lembrou que foi o anterior Goberno de Pérez Touriño o que impulsou definitivamente o proceso e comezou a execución das obras.
Asegura que dende a chegada de Feijoo “paralizáronse tódalas actuacións, e nestes dous anos non se ten producido ningún avance do proceso, co consecuente prexuízo para os veciños e as veciñas da zona”.
Replica que a Deputación Provincial de Lugo, co fin de colaborar coa Administración autonómica, comprometeu actuacións nunha serie de camiños de titularidade provincial, afectados pola concentración parcelaria do Val de Alfoz. Así as cousas relata que iniciou o expediente de cesión e incorporación de titularidade dos tramos de vías por mutuo acordo entre a Consellaría do Medio Rural e a Deputación Provincial de Lugo.
Denuncia que o convenio está pendente de ser asinado en breve, malia a deslealdade do Goberno da Xunta de Galicia, e do Grupo Popular no Parlamento de Galicia que está a utilizar o compromiso de colaboración amosado pola Deputación Provincial de Lugo para agochar a falta de compromiso do Goberno de Feijóo, e para continuar e rematar as obras que son compromiso da Administración autonómica.
Texto da PNL
O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a continuar o proceso de concentración parcelaria de Val de Alfoz no concello de Alfoz ( Lugo) para o que se achegará a suficiente dotación, con cargo aos orzamentos para o ano 2011, co fin de rematar o proceso de concentración á maior brevidade respectando os prazos legais, tal que:
1.º) Se executen de xeito urxente as obras de acondicionamento na rede de vías e camiños de concentración parcelaria de Val de Alfoz, nos que ten compromisos a Administración autonómica e poidan estar rematadas no primeiro cuadrimestre deste ano
2.º) Se proceda a execución da totalidade das obras do Plan de obras da concentración parcelaria de Val de Alfoz, incluíndo todas as obras inherentes á concentración parcelaria, de saneamento de terras e acondicionamento das novas parcelas, e de ser o caso, outras obras anexas, antes do remate deste ano, a fin de proceder a entrega dos títulos de propiedade á maior brevidade posible.
3.º) Se resolvan as alegacións formuladas polos propietarios no primeiro trimestre do ano en curso.



















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



