Nota de prensa
A Deputación convoca as primeiras bolsas de artesanía e deseño, dotadas con 12.000 euros cada unha
– As axudas están destinadas a aumentar as vendas coa actualización do catálogo e produtos dos artesáns lugueses, axudar ás familias cos custes de formación dos seus fillos, rendibilizar a unión da artesanía co deseño de moda, innovar produtos artesanais e potenciar a fábrica de Sargadelos,
– O Presidente e o Alcalde de Lugo presentaron as cinco bolsas, que suman un total de 60.000 euros e poden solicitarse dende este mércores ata o día 1 de marzo
– Orozco ofreceu colaboración económica para que a Xunta cumpra coa súa palabra e poña ó servizo dos artesáns e deseñadores os locais rehabilitados da Tinería
Froito das actividades conxuntas que uniron no 2010 os Aniversarios da Muralla e do Centro de Artesanía e Deseño, Deputación e Concello de Lugo comezaron a traballar nun novidoso programa de bolsas co obxectivo de potenciar o emprego no sector do deseño e a artesanía. Para aproveitar o potencial de Escolas de Arte como a Ramón Falcón e a longa tradición artesanal da provincia, o Presidente da Deputación e o Alcalde de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro e José López Orozco, presentaron este luns o primeiro programa de bolsas dirixidas a estudantes, recén titulados e profesionais vinculados á artesanía e deseño da provincia. Cada unha das cinco categorías estará dotada con 12.000 euros e terá unha duración dun ano.
A iniciativa finánciase a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) como medida de apoio e estímulo para conservar e potenciar o deseño e a artesanía, un sector económico moitas veces esquecido polas administracións. “Ducias de lugueses marchan a Cataluña ou Madrid na busca de futuro neste sector, onde ademais existen bolsas que lles permiten iniciarse na súa profesión”, explicou o Presidente. “De todos é coñecido o papel da Deputación de Lugo no apoio ó sector da artesanía desde que inaugurou o CENTRAD o 10 de maio de 1995. Hoxe somos capaces de presentar un novo e ilusionante proxecto e executalo de inmediato: tan áxil que o prazo para solicitar as axudas comeza este mércores e rematará o día 1 de marzo”. Pola súa banda, López Orozco salientou que esta iniciativa impulsa “un nicho de emprego e un sector importante para o futuro económico de Lugo”. Neste senso, lembroulle á Xunta o seu compromiso para pór a disposición dos veciños os locais rehabilitados na zona da Tinería, e ofreceu “a colaboración económica do Concello mediante o Plan Urban para que o Goberno galego poña ó servizos dos artesáns e deseñadores lucenses” este espazos. Isto redundaría, “na posta en valor do sector artesanal e desta zona da capital. A austeridade non nos pode levar á pobreza, senón a potenciar medias coma estas bolsas ou os locais da Tinería”.
O programa contempla cinco becas, que suman 60.000 euros, destinadas a:
1. Aumentar as vendas dos artesáns lugueses. A base de datos co catálogo de artesáns da Consellería de Industria non está actualizada. É imprescindible facer un estudo de campo para actualizar o rexistro de artesáns así como dos produtos que poden ofrecer ó consumidor, requisitos imprescindibles para aumentar as vendas. Os bolseiros poden ser investigadores, historiadores, documentalistas, artesáns…
2. Axudar ás familias cos custes de formación. A formación en Artes non é habitual nos programas educativos, excepto nalgún caso de cerámica. Isto esixe un enorme esforzo económico ás familias cando un dos seus fillos necesita continuar cos seus estudios ou especializarse, xa que o máis habitual é ter que facelo fóra de Galicia.
3. Facer rendible o traballo en equipo de deseñadores de moda ou complementos e artesáns. Esta unión ten na actualidade excelentes resultados que Deputación e Concello queren ampliar en Lugo. A fusión é unha nova vía de negocio que ten moitas posibilidades como nicho de emprego.
4. Innovar os produtos artesanais. Moitos artesáns lugueses traballan dun modo tradicional e descoñecen como aproveitar as tecnoloxías. Mellorar os procedementos de traballo, desde a creación do produto ata a posta a venda, é o obxectivo desta bolsa aberta tamén a perfís como deseñadores industriais, artesáns, investigadores, informáticos, etc.
5. Potenciar a fábrica de Sargadelos. A Deputación amosou de moitas formas o seu apoio incondicional á fábrica de Sargadelos, en Cervo, unha firma de deseño e creación de porcelana con máis de dous séculos de historia vencellados á cultura galega en tódolos eidos da creatividade. A fábrica recibiu con gran interese esta nova oferta da institución provincial para que deseñadores ou artesáns podan ter no centro unha bolsa de estudos no sector da cerámica.
As condicións requeridas para beneficiarse das axudas son: estar empadronado na provincia ou ter nacido en Lugo; ser maior de idade; ter experiencia ou estudos valorables no sector; ser un profesional que desempeñe a súa actividade en relación con algún aspecto que poida incidir directa ou indirectamente no desenvolvemento dalgunha das especialidades artesanais ou de deseño recoñecidas oficialmente en Galicia; ou posuír a Carta de Artesán, de ser o caso. A concesión das bolsas ten retorno económico para a Deputación xa que o CENTRAD aproveitará o coñecemento dos bolseiros unha vez que estén formados.
As becas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e os interesados deben completar o correspondente impreso –que pode descargarse na web www.centrad.org- e entregalo entre este mércores e o día 1 de marzo no Rexistro Xeral do INLUDES (con enderezo Rúa da Muralla, 140) ou por calquera dos medios previstos na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. As bases reguladoras do programa de axudas poderá consultarse este martes no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na páxina web do CENTRAD.
Criterios para a selección
Unha vez que se avalíen as peticións recibidas, publicaranse os listados provisionais de admitidos e establecerase un prazo para alegacións. Unha Comisión de Valoración propoñerá una listaxe de beneficiarios. Seguidamente, abrirase un proceso de selección en función dos seguintes criterios: o nivel curricular, que poderá puntuar ata 40 puntos sobre 100; o proxecto de actuación para o que se solicita a subvención, que puntuará ata 30 puntos, e unha entrevista persoal, cun máximo de 30 puntos. O prazo para a resolución definitiva rematará, como máximo, o 1 de maio. Os resultados definitivos expoñeranse sempre no taboleiro de anuncios do INLUDES e na web www.deputacionlugo.org

























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
O acto está organizado pola Asociación de Irmandade Locudy, nunha proposta cultural que pon o foco na relación entre Galicia e Bretaña a través da figura de Castelao.
Era o único ocupante do vehículo. O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente uns minutos despois das 10:00 horas deste domingo. Segundo indicou un particular, un coche caera por un desnivel duns 20 metros no quilómetro 2 da LU-P-6104. Desde a Sala de Operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Trabada. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias indicaron que había unha persoa falecida, único ocupante do vehículo, sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.



