ALFOZ .- O BNG presenta unha moción no Concello de Alfoz para que se compense economicamente aos concellos con centrais hidroeléctricas e parques eólicos pola redución do IBI.
Así mesmo, os nacionalistas levan ao pleno, que se celebra este xoves, unha moción sobre a directiva do tempo de traballo na unión europea pedindo que se rexeite.
Notas de Prensa
Alfoz, 23 de xullo de 2008. O BNG presenta unha moción no Concello de Alfoz para compensar aos concellos con centrais hidroeléctricas e parques eólicos pola reducción do IBI.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Real Decreto 1464/2007, polo cal se aproban as normas técnicas de valoración catastral, establece tanto as normas específicas de valoración como os coeficientes correctores diferenciados que deberán ter en conta os concellos para fixar o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) sobre os Bens Inmóbeis de Características Especiais (BICES), tales como centrais hidroeléctricas, parques eólicos, estradas e autoestradas, etc. A nova normativa tamén atribúe ao Catastro a exclusividade para levar a cabo as ponencias de valores, tomando, como único criterio o método de valoración do citado Real Decreto, que recolle os módulos contemplados nos anexos para cada unha das clases de bens inmóbeis de características especiais.
Esta nova lexislación afectou negativamente a boa parte dos concellos galegos con centrais hidroeléctricas, grandes encoros e presas, xa que os valores catastrais deste tipo de bens e instalacións teñen reducido, cos novos criterios de valoración, os ingresados e consolidados no ano 2007 e anteriores. Desta forma, a recadación por IBI, unha das principias fontes de ingresos das arcas municipais xa de por si deficitarias, ten diminuído considerabelmente.
Por outra banda, o citado Real Decreto non ten en conta a sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado, pola que se estimou a reclamación da FEGAMP. Esta sentenza establece, a efectos do IBI, a consideración como Bens Inmóbeis de Características Especiais dos parques eólicos en réxime especial. Porén, ao non estar incluído o contido da sentenza no Real Decreto, moitos municipios enfróntanse ao problema de que o catastro non realiza a correspondente valoración sobre estes novos BICES.
E por isto que o grupo municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorable do pleno da Corporación Municipal para a adopción do seguinte acordo.
ACORDO
1.Instar á Xunta de Galiza a que se dirixa ao Goberno do Estado para demandarlle:
1. Compensar economicamente aos concellos galegos que, debido á aplicación do Real Decreto 1464/2007, vexan reducida a recadación do IBI debido á minoración na valoración dos seus Bens Inmóbeis de Características Especiais, habilitando a tal efecto as partidas necesarias nos Orzamentos Xerais do Estado para os vindeiros anos.
2. Modificar o Real Decreto 1464/2007, de xeito que se inclúa o contido da sentenza do Tribunal Supremo do 30 de maio do 2007 sobre a consideración fiscal dos bens destinados á produción de enerxía eléctrica en réxime especial, como son os parques eólicos.
—— ** ————
O BNG LEVA AO PLENO DE ALFOZ DESTE XOVES UNHA MOCIÓN SOBRE A DIRECTIVA DO TEMPO DE TRABALLO NA UNIÓN EUROPEA
Alfoz, 23 de xullo de 2008. O BNG de Alfoz presentou para o seu debate no pleno de mañá xoves, unha moción sobre a directiva de tempo de traballo da Unión Europea.
Exposición de Motivos
O voceiro nacionalista, Iván Marrube, explica que <o pasado 9 de xuño en Luxemburgo, os ministros e ministras de Traballo dos 27 Estados da Unión Europea aprobaron, por maioría cualificada, a proposta de modificación da Directiva Europea sobre Tempo de Traballo. Entre as modificacións previstas está a de incrementar a xornada laboral semanal, superando as 48 horas actuais, que poderá chegar até as 60 horas semanais e, no caso dos traballos con gardas, ata as 65. Estas xornadas poderán facerse en cálculo trimestral, co cal as horas semanais aínda poderán ser máis, xa que o único requisito para este incremento de xornada é un acordo individual entre a empresa e o traballador ou a traballadora>.
Marrube engade que <esta proposta do Consello de ministros e ministras de Traballo da UE chega logo de catro anos de debates e seis intentos frustrados, e racha con toda unha traxectoria, moi anterior á creación da UE, de redución das xornadas laborais.Claro que tamén debemos destacar o apoio decidido do PSOE a esta modificación, co significativo abandono no transcurso da reunión onde se acordou do ministro español de Traballo, e a abstención na votación da delegación do Goberno español, que resulta aínda máis grave>.
O edil do BNG en Alfoz lembra que <a loita pola minoración da xornada é unha constante da historia do movemento obreiro. A finais do século XVIII e comezos do XIX, os traballadores e traballadoras facían xornadas de ata 16 horas diarias, dando lugar ao “Movemento polas dez horas” que, logo de anos de protesta, consigue as dez horas laborais, aprobada polo Parlamento inglés en 1847, cumpríndose inicialmente só para homes menores de dezaoito anos e mulleres de calquera idade; posteriormente, en 1874, xeneralizouse a todos os traballadores e traballadoras o límite máximo de 10 horas ao día. E agora a xornada proposta polos ministros e ministras da UE vólvenos a aquela data do ano 1847>.
Iván Marrube segue a contar que <a primeira regulación que abarcou unicamente á duración da xornada laboral foi na Conferencia Xeral da Organización Internacional do Traballo (OIT), hai 91 anos, na que se acordou unha xornada de 8 horas ao día e 48 horas á semana. E en 1983, aprobouse no Estado Español, que a xornada máxima sería de 40 horas semanais>.
Para o BNG, <esta proposta dos ministros e ministras de Traballo da UE, é o maior retroceso social dos últimos anos e vai no camiño contrario dos logros que, logo de moitos anos de loita sindical, dábanse por consolidados.Cada vez máis a desregularización do mercado laboral, dende normativas ou sentenzas europeas, incide negativamente nas conquistas sociais dos traballadores e das traballadoras galegas>.
E por isto que o grupo municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorable do pleno da Corporación Municipal de Alfoz para a adopción do seguinte
ACORDO
1. Rexeitar a proposta de modificación da Directiva sobre Tempo de Traballo realizada, o pasado 9 de xuño, pola maioría cualificada de ministros e ministras de Traballo da Unión Europea.
2. Trasladar este acordo á Presidencia do Goberno do Estado, á Presidencia do Parlamento Europeo e a todos os Grupos Parlamentares que conforman a Cámara Europea.
3. Instar á Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno Central demandándolle que manteña en todas as reunións oficiais que se celebren sobre esta problemática unha posición claramente contraria a modificación desta Directiva.















Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.



