ANTONIO VEIGA ENTREGOU ONTE OS PREMIOS AOS GAÑADORES DO ABERTO DE BILLARDA DE CELEIRO DE MARIÑAOS
O torneo gañouno Suso Coedo, dos Billardeiros Musicais, seguido de Guille de Os Outros e terceiro Hugo dos Billardeiros Musicais, no que era o seu retorno á competición
A Área de Deporte e a de Cultura da Deputación colabora na recuperación dos xogos e deportes tradicionais de Galiza
Lugo, 16 de abril de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou na tarde de onte na entrega de premios do I Aberto de Billarda do “Marisco de Cortello” de Celeiro de Mariñaos, correspondente á penúltima xornada da Conferencia Norleste da Liga Nacional de Billarda (LNB), e que se disputou no pavillón polideportivo de San Miguel de Reinante.
O vencedor do aberto do “Marisco de Cortello” (que fai referencia ao premio gastronómico que se recibe, ademais do trofeo pertinente) foi Suso Coedo, dos Billardeiros Musicais, seguido de Guille de Os Outros e terceiro Hugo dos Billardeiros Musicais, no que era o seu retorno á competición. Hai que salientar que esta xornada da Conferencia Norleste da LNB[1] disputouse no pavillón polideportivo de San Miguel de Reinante, malia que correspondería xogarse en Celeiro de Mariñaos, pero por motivo da persistente choiva decidiuse disputalo neste recinto cuberto.
En cada xornada que se disputa desta conferencia da LNB participan máis de 10 equipos e entre 50 e 80 xogadores e xogadoras de todas as idades, polo que esta iniciativa está a repercutir moi positivamente na recuperación e posta en valor dun xogo tradicional como é a billarda, algo que desde a Área de Cultura e Turismo e tamén de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo se procura apoiar.