Toda a verdade sobre o servizo de axuda no fogar
O 24/11/2008, o Parlamento galego aprobaba -cos únicos votos favorables de PSOE e BNG, daquela no goberno da Xunta-, a Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia. Nese debate a representante nacionalista aseguraba que “o desenvolvemento desta lei sentaría na nosa sociedade o cuarto piar do estado do benestar. Porque da mesma maneira que hoxe son un dereito a educación, a sanidade ou as pensións, esta lei vén a asegurar os dereitos sociais para toda a cidadanía”.
Case catro anos despois destas entusiastas palabras os mesmos políticos que onte a aplaudían hoxe, desde as bancadas da oposición, non só critican a mesma lei que eles aprobaron e o decreto que a desenvolve, senón que incluso caen no absurdo de crear unha plataforma -impulsada desde a Deputación de Lugo- para atacala, rexeitala, e pedir a súa derrogación. Afeitos ao pancarteo e á manipulación, seguen a empregar esta estratexia aproveitándose das poucas administracións que aínda xestionan.
O que o BNG non quere que saibamos, é que o novo decreto de Servizos Socias o único que fai é desenvolver o que pon a propia lei aprobada polo bipartito e na que, no seu artigo 63, establece que as deputacións provincias proporcionarán “asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos” en materia de servizos sociais “especialmente na prestación dos servizos sociais comunitarios básicos para aqueles concellos con menos de 20 mil habitantes”. Polo tanto, as deputacións teñen a obriga e a responsabilidade de coordinarse, evitar duplicidades e colaborar coa administración autonómica e local para o financiamento destes servizos naqueles concellos máis pequenos.
Queremos deixar claro que a Xunta seguirá apoiando aos concellos galegos e financiando os servizos municipais de axuda no fogar. Farao conforme ao establecido na lei e no decreto: Isto é, a Consellería de Traballo e Benestar dará os recursos suficientes para pagar o servizo de axuda no fogar de todas as persoas dependentes e tamén para os salarios dos traballadores sociais deste servizo en absolutamente todos os concellos de Galicia -con independencia da súa poboación- e, a maiores, axilizará este financiamento pois mentres antes realizábanse abonos con periodicidade anual, agora pasarán a pagarse trimestralmente.
Pola contra, naqueles concellos de menos de 20 mil habitantes -salvo decidan agrupar a xestión deste servizo- serán as deputacións provinciais as encargadas de apoiar con recursos económicos e técnicos o que se coñece como servizo axuda no fogar básico, é dicir, só e exclusivamente o das persoas que aínda non teñen recoñecido un grado ou nivel de dependencia.
Mentres que a Xunta financiará o groso dos gastos do servizo de axuda no fogar, -so neste ano máis de 30 millóns de euros- deputacións e concellos teñen a obriga de colaborar nestes outros aspectos. Parece evidente que, sobre todo nestes momentos, todos temos a obriga de arrimar o ombreiro na defensa dos nosos maiores. O gran problema está en que na Deputación de Lugo, a diferenza do resto das deputacións de Galicia, non teñen aclarado se queren ou non facelo. De feito, o vicepresidente provincial nin tan sequera acude ás repetidas reunións ás que foi convocado desde a Xunta, dando mostra dunha evidente falta de respecto institucional e dun nulo interese por cooperar ou dunha nula vontade por clarexar estas cuestións.
Cando o BNG non é capaz de asumir as sucesivas derrotas electorais e a progresiva perda de votos, en vez de facer autocrítica sobre esta situación -que lle leva incluso a dolorosas escisións internas e abandonos- decide radicalizarse ata o punto de defender cousas contraditorias ou -o que aínda é máis grave- desenvolver unha estratexia de oposición baseada en inventarse supostas alarmas, recortes ou decisións que, faltando á verdade, aseguran vai a levar a cabo o PP: Así por exemplo no BNG mentiron asegurando que desaparecería o Hospital da Costa, mentiron dando por feito que se cobraría a auga das traídas veciñais e menten alertando dunha falsa desaparición do servizo de axuda no fogar. Nin teñen credibilidade, nin están a dicir a verdade.
Hai dúas formas evidentes de afrontar esta cuestión: A dos alcaldes do PP que saen nos medios para tranquilizar e se esforzan por garantir o servizo, e a de nacionalistas e socialistas que xogan a confundir e asustar. Ben é certo que cada quen é dono das súas palabras e será xulgado polos seus feitos. Pero non hai dereito a enganar e meter medo a un colectivo, o das persoas maiores máis necesitadas, que precisan do apoio e da axuda de todas as administracións.
Ninguén pode negar que estamos nun momento de fonda crise, de insuficiencia orzamentaria e de necesidade de austeridade e axustes. Pero nada disto debe ser unha escusa para deixar de estar ao carón dos que máis o precisan. Todo o contrario. E mentres que a día de hoxe, a Deputación de Lugo aínda non saberemos si o fará, todos os galegos poden estar seguros de que, mentres o PP teña a responsabilidade de goberno en Galicia, blindaremos o máis imporante: Os servizos sociais e de benestar. Pero tamén que seguiremos dicindo ben alto aos nacionalistas a quen lles acompañe que se deixen de mentiras.
Jose Manuel Balseiro Orol
Secretario da Mesa do Parlamento





















A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.



