JESÚS RODRÍGUEZ LEÓN IMPONSE NO 56 DESCENSO DO MIÑO
Mario Outeiro entregou os trofeos aos vencedores do K1 sénior e por equipos
Javier Illanes, do C.P. Viveiro rematou segundo en K1-sénior mentres que por equipos venceu o Breogán do Grove e o Fluvial de Lugo foi segundo
Lugo, 9 de xuño de 2012. Esta tarde, o delegado das Áreas de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, entregou en Lugo os trofeos aos mellores padexeiros do 56 Descenso Internacional do Miño, no que se impuxo en K1-sénior Jesús Rodríguez León, do C.Fluvial O Barco, seguido de Javier Illanes do C.P. Viveiro e Bernardo Sánchez tamén do Fluvial O Barco. Na entrega de premios estiveron presentes outras autoridades como o alcalde de Rábade, a concelleira de Deportes de Outeiro de Rei, a presidenta do Club Piragüismo Cidade de Lugo e o directivo do Club Fluvial de Lugo, Misioné.
O Descenso Internacional do Miño de Lugo ou Copa Miño, nome co que popularmente se coñece a esta regata, é a segunda proba máis antiga das que se celebran en España despois do Descenso Internacional do Sella, e que este ano se celebrou a súa 56 edición cun número de participantes aproximado de 220 padexeiros e padeeiras. Desde os seus comezos, esta cita deportiva esperta un gran interese entre a cidadanía lucense, de forma que contribúe, enormemente, á difusión e popularización deste deporte na cidade. Pódese afirmar que a Copa Miño serviu de escola ás distintas xeracións do piragüismo de Lugo e que en parte, grazas á tradición, afección e categoría desta proba, a cidade foi considerada durante décadas como unha dos berces do piragüismo galego e nacional.