BARCELONA 8-0 BURELA FS PESCADOS RUBÉN
Onte o Burela FS Pescados Rubén disputou a 5ª xornada da máxima categoría ante o arquirrecoñecido FC Barcelona Alusport, vixente campión de Europa, cun duro marcador en contra (8-0). O Palau Blaugrana non revelou nada novo: o conxunto laranxa puido conter a furia dun rival doutra liga, a das estrelas, no tramo inicial, unha furia que se desatou en vendaval con catro tantos nos últimos dez minutos.
A escuadra de Julio Delgado, sen os alicerces de Juanma e Edu, freou a circulación catalá nos primeiros compases, pero o movemento de rotacións impulsou o asedio do Barça. Aicardo inaugurou o luminoso, no minuto 8, dun potente dereitazo e, poucos segundos despois, materializou Igor. “Con 2-0 recuperamos as boas liñas defensivas iniciais, tras solicitar un tempo morto e incluso puidemos dispoñer dun par de chegadas con perigo” explicou o adestrador dos laranxas, que tiveron unha grande oportunidade de reducir distancias en Dani Martín, tras un erro de Sergio Lozano, pero bateu co efectivo Cristian.
“Co descanso intentámonos reforzar para continuar no partido, pero eles seguían cunha aptitude óptima e a partir do 3-0, de Fernandao, fíxosenos inasumible” sentenciou o técnico laranxa, que nese momento decidiu “dosificar os xogadores, para non castigalos de cara á cita de mañá en Zaragoza, e intentar dar a mellor imaxe posible”.
O encontro estivo presidido polo seleccionador nacional, José Venancio López, e o director xeral do CD Burela FS, José Luis Sáez, xunto a representantes da entidade barcelonista.
Caras novas
Xunto ao debut de Iago Barro baixo os paus, tamén se estrearon en Primeira División os novísimos Antón e Fabio, que “entraron nas rotacións da primeira parte, con opción de disputar minutos moi bos” e o meta Erick, “saltando á pista na recta final, despois de recibir un pelotazo Iago Barro e estando xa advertido cunha tarxeta amarela”, segundo valorou Julio Delgado.
Próxima parada
O Burela FS Pescados Rubén disputará mañá a 4ª xornada en Zaragoza, con tan só 48 horas para repoñerse (Siglo XXI, 21.00 horas). “É certo que chegamos un pouco máis minguados fisicamente pola carga dos dous partidos anteriores en tan só cinco días, pero con iso xa contabamos na preparación. O que máis me preocupa quizais sexa o estado anímico: como equipo xa fixemos borrón e conta nova para plantarlle cara ao vindeiro rival, todos debemos evitar que a cabeza se nos vaia a calquera outro partido que non sexa o Umacón” advertiu Julio Delgado.
Ficha técnica
FC Barcelona Alusport: Cristian, Ari, Lin, Saad e Fernandao, no cinco inicial; tamén xogaron Aicardo, Torras, Gabriel, Sergio Lozano, Igor e Eric Martel
Burela FS Pescados Rubén: Iago Barro, Mimi, Iago Míguez, Enrique Cánovas e Nacho Pedraza, no cinco inicial; tamén xogaron Erick, André, Dani Martín, Christian, Hugo, Antón e Fabio
Goles: 1-0, minuto 8, Aicardo; 2-0, minuto 9, Igor; 3-0, minuto 24, Fernandao; 4-0, minuto 29, Sergio Lozano; 5-0, minuto 30, Eric Martel; 6-0, minuto 37, Hugo (p.p.); 7-0, minuto 38, Fernandao; 8-0, minuto 39, Fernandao





















Ocorreu escasos minutos despois das 15 horas deste domingo, e foron recollidos pola embarcación Salvamar Shaula, de Salvamento Marítimo. Atopábanse subidos a unha balsa inchable na praia de Basteira, na Pedra (Cariño), foron arrastrados pola corrente e eran incapaces de retornar á beira. Dúas persoas metéronse na auga tratando de rescatalos, sen éxito. Ao final, a embarcación de rescate de Salvamento Marítimo recolleu aos menores e levounos ilesos ata o porto de Cariño. Ademais de a Salvamento Marítimo, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos axentes da Garda Civil.
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
