O BNG DE LOURENZÁ RECLAMA CONTUNDENCIA AO GOBERNO LOCAL FRONTE AOS CORTES DE LUZ E OS EXCESOS DAS ELÉCTRICAS
Os cortes de luz de mañás enteiras perxudicaran seriamente ao comercio local.
Lourenzá, 3 de novembro de 2012. O BNG de Lourenzá anunciou a presentación dun escrito de carácter urxente para o vindeiro luns día 5 nas oficinas municipais para solicitar que o Concello interceda entre a empresa e os usuarios do servizo de suministro eléctrico debido ao bando publicado no que se anuncia cortes no fluído eléctrico para as mañás do sábado 10 e domingo 11 de novembro. Consideran os nacionalistas laurentinos que estes cortes, algún de ate 7 horas, non favorecen en nada a actividade económica e comercial do Concello ao producirse en pleno horario comercial con tódolos comercios de Lourenzá abertos, si ademais se teñen en conta as xa de por si complicadas condicións económicas do momento actual estes cortes no suministro eléctrico poden supoñer unha perda importante na recadación semanal en un bo número de negocios locais.
Dende o BNG de Lourenzá son conscientes da necesidade dos cortes de suministro eléctrico para poder facer fronte ás tarefas de acondicionamento ou mellora precisas e así poder optimizar o servizo pero consideran que estes cortes temporais de suministro deberían de producirse o máis lonxe posibel dos horarios comerciais, isto é ao entender dos nacionalista na madrugada, e no caso de preverse cortes de longa duración deberíase esixir á empresa suministradora a instalación de equipos autónomos mentres non se restableza o servizo definitivo, neste senso se expresou o concelleiro portavoz nacionalista César Docampo: “Os cortes deberían de efectuarse de noite para trastocar o menos posibel a vida comercial do noso Concello, e en caso de que sexan de moita duración, como vai a ser algún deles, debemos de esixir a instalación de xeradores que palíen a falla de enerxía, pois ainda que estes cortes se producisen de noite a falla de electricidade pode botar a perder moitos produtos perecedoiros almacenados en cámaras frigoríficas, conxeladores etc… O certo é que á algúns veciños a propia compañía xa os informou de que poden pedir a correspondente indemnización posterior, pero do que se trata é de previr para non ter que lamentar e quedar á espera dunha indemnización que raras veces chegan”.
O BNG pide ao Concello que actúe como garante dos dereitos dos seus veciños.
O BNG de Lourenzá esixe unha posición forte ao equipo de goberno municipal, pois ao entender dos nacionalistas o Concello debe de actuar como garante dos servizos públicos e o acceso á enerxía eléctrica é un deles, ainda que se encontre privatizado, pensan no Bloque de Lourenzá que este tipo de empresas monopolistas explota xa dabondo a tódolos usuarios cos seus métodos tarifarios abusivos e prezos imposibles de asumir logrados a base de chantaxes sistemáticos aos distintos gobernos, co cal dende o BNG laurentino piden ao goberno municipal determinación e sentido común para emprender unha negociación lóxica e necesaria que permita perxudicar o menos posibel aos conxuntos da veciñanza e o comercio de Lourenzá que xa bastante pagan pola enerxía eléctrica.