CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA NON CHEGA CON ACTOS PUNTUAIS MAIS OU MENOS VISTOSOS, HAI QUE FREAR O DESMANTELAMENTO DAS POLÍTICIAS DE IGUALDADE E DE APOIO SOCIAL ÁS MALTRATADAS QUE SE VEÑEN PRACTICANDO COA ESCUSA DA CRISE ECONÓMICA.
Concelleiras nacionalistas da Mariña denuncian que malia os esforzos realizados nos últimos anos, malia o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista.
A Mariña, 20 de novembro de 2012. Susana Riveira, concelleira do Vicedo e Responsábel de Igualdade na Executiva Comarcal, Neves Cando Concelleira en Burela, Ana Ermida Igrexas, concelleira en Burela, Mari Luz Álvarez Lastra e Teresa Gzlez. Piñeiroa, concelleiras en Ribadeo, Mª Xosé Fernández, concelleira en Trabada, Elena Freire, concelleira en Mondoñedo e Mónica Rancaño, concelleira na Pontenova compareceron en rolda de prensa para denunciar que a parálise e retroceso en políticas socias, de igualdade, os recortes orzamentarios para a loita contra a violencia machista e as modificacións lexislativas no ámbito xudicial converten o 25 de novembro nun día no que ademais de demandar o fin da violencia machista hai que esixir aos gobernos galego e estatal un compromiso real e un xiro de 180 graos nas políticas de xénero.
As políticas activas contra a violencia de xénero teñen un compoñente ideolóxico, non é o BNG quen está a aplicar recortes brutais que acrecentan as desigualdades e a vulnerabilidade ante a violencia machista.
Para as concelleiras nacionalistas do BNG na Mariña é evidente que as políticas activas contra a violencia de xénero teñen un compoñente ideolóxico: “non é o BNG quen está executando recortes orzamentarios brutais en materia de igualdade, loita contra a violencia de xénero, políticas sociais e sanitarias, ensino, política laboral ou reformas lexislativas no acceso á xustiza e incluso incumprimento das xa existentes senón que son os gobernos galego e estatal, sustentados por unhas siglas e un ideario político quen están deixando no mais absoluto desamparo e afectan á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista.”
As concelleiras puxeron varios exemplos para corroborar as súas afirmacións entre os que citaron os recortes dun 30% nos últimos dous anos nas políticas activas de loita contra a violencia de xénero que están provocando a falsa visualización da realidade cunha redución de denuncias por maltrato(en Galiza 6.068 no 2009 por 5.153 en 2011) que tamén veñen sustentadas polas situacións de desemprego e ausencia de autonomía económica; as nacionalistas puxeron sobre a mesa os recortes do chamado “Salario da Liberdade” posto en marcha no seu día polo BNG que tamén sufriu reducións chegando en 2010 a 369 mulleres por 251 en 2011.
Os recortes nas políticas sociais están a provocar un efecto feminizador da pobreza e o desemprego de milleiros de mulleres que maioritariamente traballan neste sector.
Na comparecencia explicaron que os recortes nas políticas sociais teñen efectos demoledores no emprego feminino ao ser este sector maioritariamente ocupado por mulleres, lembraron que no ano 2012 o goberno do Estado e a Xunta de Galiza executaron recortes brutais nos servizos de axuda no fogar e para o 2013 hai un novo recorte nos programas de tele asistencia domiciliaria con efectos demoledores sobre as 244 persoas beneficiarias deste servizo na comarca mariñá. A moratoria na aplicación da Lei de Dependencia, a supresión da cobertura social e a redución no mes de setembro da paga a coidadoras nun 15% afecta maioritariamente a mulleres con efectos multiplicadores xa que volven asumir o rol de coidadoras sen salario como en tempos pretéritos.
Esixencia no cumprimento da lexislación sanitaria galega incluída na Lei 11/2007 e na lexislación sobre interrupción voluntaria do embarazo na comarca da Mariña. ( Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción do embarazo )
Para as concelleiras nacionalistas non é de recibo que se incumpra a lexislación vixente en materia sanitaria incluída na Lei 11/2007 pola negativa á implicación do SERGAS na detección, prevención e asistencia ás vítimas de violencia de xénero. Non se realiza na rede pública a atención psicolóxica de mulleres e crianzas afectadas. Unha atención fundamental para construír a autonomía persoal e iniciar unha nova vida. Como tampouco é de recibo o incumprimento da lexislación sobre a interrupción voluntaria do embarazo no Hospital da Costa, na Mariña as mulleres estamos imposibilitadas para facer uso deste dereito pola negativa de determinado persoal sanitario a cumprir a lei.
As modificacións aprobadas recentemente sobre acceso á xustiza con fortes incrementos nas taxas xudiciais provoca desigualdades entre a poboación e terá efectos nas demandas por acoso e violencia de xénero.
A recentemente aprobada modificación das taxas xudiciais é un novo avance nas desigualdades sociais neste caso no acceso á xustiza que discriminará entre ricos e pobres e no caso das mulleres provocará que se impida e coarte o dereito das mulleres a interpoñer denuncia perante o xulgado por violencia de xénero. Se por riba de sufrir ese martirio hai que pagar para que nos dean a razón, para que unha sentenza ratifique o pesadelo.
Esixencia de tolerancia cero co maltrato e xiro de 180 graos nas políticas activas de xénero para evitar as desigualdades e a violencia machista.
As concelleiras nacionalistas lembraron as 874 mulleres asasinadas por violencia machista dende 1999, 47 delas no que vai de ano no Estado, 4 delas en Galiza multiplicando por dous a cifra do ano 2011 polo mesmo período. Para as concelleiras do BNG da Mariña a sociedade debe ter tolerancia cero neste tema e as campañas de concienciación son moi importantes, non so nesta data, tamén no resto do ano. Neste sentido esixiron tanto ao goberno da Xunta como ao do Estado un xiro de 180 graos nas políticas activas de xénero pero tamén noutras que teñen efectos transversais sobre esta lacra social en materia económica, de emprego, social , educacional, sanitaria ou lexislativa. As concelleiras nacionalistas sinaláronlle ás mulleres do PP de Lugo que coa colocación de lazos lilas e recollida de posicionamentos de repulsa contra esta violencia nun día ao ano non se amaña nada nin soluciona ningún problema e mais ben parece unha ocurrencia para saír nos medios que ademais é copiada.





















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



