Os bombeiros de Barreiros recadan alimentos para familias con dificultades económicas dos 10 Concellos nos que prestan servizo
– Farano nun maratón de fútbol sala benéfico os días 15 e 16 de decembro no Torques de Marzán de Foz cuxa entrada terá un único requisito: traer algún lote de comida
– Comerciantes da zona colaboran concedendo produtos para un sorteo tamén benéfico o día 16, e xoguetes que os propios bombeiros entregarán ós nenos ingresados no Hospital da Costa o venres 14
– Todo o recadado irá a mans dos Servizos Sociais municipais que o distribuirán entre as familias de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto que o necesiten
– Os interesados en sumar esforzos con esta causa poden contactar cos organizadores en bomberosbarreiros@gmail.com, 605-81-33-74/ 606-80-80-40, ou ben facer un donativo no seguinte número de conta do Banco Santander: 0049-12-2953-2190287441
O Deputado provincial Alfredo Llano, o Xefe do Servizo de Emerxencias da Consellería de Presidencia en Lugo, Javier Vales Villamarín, xunto cos cabos Fernando González e Álvaro Pico, presentaron este mércores as actividades benéficas que organizan os profesionais do Parque de Bombeiros de Barreiros, complexo posto en marcha polo Consorcio Provincial que integra Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, co obxectivo de axudar a familias con dificultades económicas, pertencentes ós 10 Concellos mariñás nos que prestan cobertura, de cara ó Nadal. Estes municipios son: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto. No acto tamén participaron representantes de Veicar, entidade adxudicataria da xestión indirecta das instalacións contraincendios do Consorcio na zona norte da provincia. (Barreiros, Viveiro e Vilalba).
Un maratón de fútbol sala para recadar alimentos. Esta é a iniciativa preparada para os días 15 e 16 de decembro, no Torques de Marzán, de Foz. Bombeiros dos parques de Barreiros, Viveiro, Vilalba e Lugo, ademais de Gardas Civís, Policías Locais e persoal dos servizos de Protección Civil e do 061 -todos eles de ditos 10 Concellos- participarán nesta iniciativa, formando entre 9 e 12 equipos. A entrada ó pavillón, aínda que de balde, terá un único requisito: traer algún lote de comida. Todo o recadado entregaráselle, posteriormente, ós traballadores dos Servizos Sociais dos municipios beneficiados co fin de que sexan estes profesionais, como máximos coñecedores da situación social dos seus Concellos, os que distribúan estes alimentos segundo as necesidades das familias que así o requiran.
O sábado 15, os encontros comezarán ás 10:00 horas e prolongaranse durante todo o día. O domingo 16, a xornada tamén arrincará ás 10:00 e continuará ata as 16:30 horas, momento no que se realizará un sorteo tamén con fins benéficos.
Comercio solidario
Sortearanse produtos moi variados, dende roupa (camisetas, bufandas…), complementos (bolsos, xoias…) e ata bonos para perruquería, que os establecementos destes 10 municipios concederon ós bombeiros de Barreiros de xeito totalmente desinteresado co obxectivo de colaborar na organización desta iniciativa. As rifas custarán 2 euros. Todo o diñeiro recadado tamén irá a parar a mans dos traballadores dos Servizos Sociais municipais.
Logo do sorteo, ás 17:30 disputarase a final deste maratón benéfico de fútbol sala. Finalmente, ás 19:00 horas, o Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros e da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, fará entrega dos premios ós gañadores.
Entrega de xoguetes no Hospital
Os comerciantes da zona tamén concederon ós profesionais do complexo contraincendios barreirense xoguetes, que estes profesionais entregarán ós nenos ingresados na unidade de pediatría do Hospital da Costa, en Burela, o día 14 de decembro.
Xornada de portas abertas
Co fin de contribuír a que xente participe nestas actividades benéficas, os bombeiros organizarán o domingo 16 unha xornada de portas abertas, que terá lugar detrás do pavillón Torques de Marzán, simultaneamente ó Maratón de Fútbol, dende ás 11:00 horas e ata ás 16:00 horas, na que se poderá coñecer polo miúdo o servizo que prestan estes profesionais, así como os medios dos que dispoñen para elo. Esta iniciativa incluirá un simulacro de excarcelación, que se levará a cabo coa colaboración do 061.
Colaboracións
Todas as persoas que desexen colaborar con esta causa poden poñerse en contacto cos seus organizadores mediante correo electrónico, en bomberosbarreiros@gmail.com, ou por teléfono, chamando a 605-81-33-74/ 606-80-80-40. Tamén hai un número de conta para facer donativos: Banco Santander 0049-12-2953-2190287441.
Crear unha asociación social
Esta é a primeira actividade que organizan os bombeiros do Parque Comarcal de Barreiros pero non a última. O obxectivo destes profesionais é crear unha asociación con fins sociais para seguir impulsando actividades benéficas e axudar a persoas en risco de exclusión social da Mariña.




















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
