Burela, 1 de abril de 2013. O equipo de goberno burelés, do PP, reiterou hoxe a súa satisfacción polo grao de cumprimento do Plano de Axuste, un ano despois da súa aprobación, que non foi apoiada polo PSOE, “causante da desfeita económica na que deixaron o Concello, cun millón trescentos mil euros en facturas metidas nos queixóns que houbo que pagar relixiosamente pero a través dun crédito que tamén se negaron a pedir”.
Os populares afirmaron que “evidentemente, o grao de cumprimento do Plano de Axuste non se está dando ó cento por cento, solo faltaría, cando é un plano a dez anos vista, pero os grandes apartados do mesmo, no que se refire a ingresos e gastos, si que se están a cumprir, que é o que lles doe ós socialistas”.
O equipo de goberno da de novo datos: “en 2012 deixáronse sen gastar 381.430 euros, e ingresáronse 174.000 euros máis dos que estaban presupostados, co que o impacto positivo sobre as contas do Concello foi de 555.000 euros. Os socialistas só len mecanicamente, a súa capacidade comprensiva é nula, como mecanicamente levan á bancarrota ás administracións que ocupan, e como nulos son como xestores económicos”.
Desde o equipo de goberno din que “o Plano de Axuste non se cumpre, por exemplo, en materia do persoal de comedores, que o estamos a manter, cun investimento de 45.000 euros anuais, porque precisamente tivemos menos gastos e mais ingresos, como xa dixemos nunha nota informativa anterior. Pero se queren que o cumpramos xa a rajatabla, que digan claramente que sobra o persoal de comedores, pero que llo digan ós pais e nais dos dous Ceip e ó persoal deses comedores”.
Por outra banda, “o PSOE tampouco pode dar leccións sobre subvencións a asociacións. Hai que ter moita cara, que a teñen é evidente, para criticar a ausencia de subvencións cando foron eles os que retiraron as subvencións a asociacións, mantendo de tapadillo as que a eles lles interesaban a través doutras fórmulas. Agora, co PP no goberno, tentaremos recuperar as subvencións ós colectivos, pero tamén reiteramos que mentres tanto non deixaremos de apoiar ós colectivos na medida das nosas posibilidades, como xa se está a facer, que é o que lles doe ós socialistas”.
Ademais, para o equipo de goberno burelés “resulta sorprendente a preocupación sobrevida dos socialistas sobre o control do gasto. Parece como se quixeran desacreditar e poñer en entredito a algún dos provedores de Burela. Poden comezar mañá, alá eles co que din e co que fan. O certo é que os provedores de Burela saben perfectamente que o control do gasto que se segue desde o Concello é rigoroso, coa fórmula de vales e autorización de retirada de material, imprescindible para que ese material sexa logo abonado polo Concello, e que se puxo en marcha ó pouco de chegar ó goberno municipal en 2011”.
“O que pon de uñas ós socialistas é que este equipo de goberno teña pagado xa todas as facturas de 2012 que entraron antes do 31 de decembro pasado, e que só queden 20.000 euros por pagar das facturas de 2012 que entraron despois do 1 de xaneiro deste ano 2013. Porque eles tiñan retrasos no pago de hasta oito meses, o que levaba ós provedores a vivir situacións complexas”, afirman desde o equipo de goberno do PP burelés.
Segundo o equipo popular que goberna o Concello burelés, “o chocante é que o bipartito non seguiu nin ese sistema de control de gasto nin outro sistema. De feito, cando o PP chegou ó Concello, facendo inventario, atopamos material xa non duplicado, senón triplicado. Ferramenta que cun exemplar bastaba, había hasta tres, o que demostra o sen control económico dos socialistas. Era tal o descontrol que o propio ex alcalde e membros do seu equipo teñen comido na nave de obras máis dunha vez; o que non sabemos é como chamarlle a isto, se ir de cuchipanda, vivir sen dar golpe, ou outra cousa máis impresentable aínda”.
O equipo de goberno do Concello de Burela engade que “os socialistas non están lexitimados para dar leccións de case nada, menos en materia económica, e teñen moito que explicar sobre a súa xestión. Sen ir máis lonxe, os cidadáns deste concello aínda non recibimos explicacións sobre o desaguisado de gastar nada máis e nada menos que case un millón de euros en faroliñas de deseño, de 2.500 euros (sen IVE) cada unha, cando só chegaba con investir a cuarta parte para cambiar todas as lámpadas do alumeado público municipal co obxectivo de aforrar enerxía; e esa falta de explicacións lévannos a plantexar dúas preguntas, que xa temos formulado algunha vez pero que nunca se contestaron, e que hai que reiterar: en relación co cambio das faroliñas, ¿ten o PSOE dito todo o que tiña que dicir, ou sexa nada, ou ten algo que ocultar?. E ¿porqué investiu en faroliñas e non en cambiar as lámpadas para aforrar enerxía? cando xa estábamos a cabalo da crise económica e sabíase que non quedaba outra que aforrar”.
Desde o equipo de goberno indican: “somos conscientes de que as medidas que se teñen tomado son duras e impopulares, tamén para quen as toma, pero o que si é certo é que están a surtir efecto porque os datos económicos así o revelan. Reiteramos a crenza de que neste 2013 se asentarán cas contas municipais, algo que nos permitirá enfocar o 2014 en mellor situación”.