Lugo, 12 de abril de 2013. 27 persoas con capacidades diferentes pertencentes a asociación COGAMI de Lugo participan nos talleres e obradoiros do programa Tempos, promovido e financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, co que se busca potenciar o benestar deste colectivo mediante a realización de actividade física de baixa ou moderada intensidade. Antonio Veiga, vicepresidente da institución provincial e delegado de Benestar Social e Deporte, visitou, esta tarde, unha das sesións nas que, a través de xogos, os monitores traballan o desenvolvemento psicomotriz dos participantes.
O programa Tempos, dirixido a colectivos de persoas con discapacidade, e tamén a persoas maiores que viven en concellos con menos de 5.000 habitantes, fomenta a realización de actividade física e a igualdade de oportunidades con independencia da idade, a capacidade ou o lugar de residencia así como as habilidades sociais e comunicativas dos usuarios e usuarias. Nesta liña, Veiga sinalou a compoñente do exercicio físico pero tamén a vertente social “deste proxecto pioneiro da Deputación lucense que, ademais, é a única administración que na actualidade desenvolve un programa de semellantes características. Tempos resume a nosa acción de goberno centrada no benestar social, na mellora da calidade de vida, a igualdade de oportunidades e a creación de emprego e que contrasta coa doutros gobernos.”
Durante o encontro, tanto representantes de COGAMI Lugo, coma os monitores e os propios participantes recoñeceron as vantaxes do programa, destacaron a melloría no seu estado físico e nas relacións co seu entorno e o respiro e descanso que estes talleres supoñen para familiares e coidadores.
Antonio Veiga insistiu no esforzo económico que a Vicepresidencia da Deputación está a facer para manter programas coma este. “Mentres o Partido Popular desde o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza obvia as necesidades do pobo e prefire controlar o déficit suprimindo servizos básicos como a Axuda no Fogar ou a Teleasistencia Domiciliaria, instaurando o copago farmacéutico e desmantelando a Lei da Dependencia, o que obriga a moitas persoas con capacidades diferentes a dedicar até o 90 por cento da súa renda ao pago de determinados servizos imprescindíbeis para elas, no Bloque Nacionalista Galego alí onde temos responsabilidades de goberno decidimos pór en marcha políticas totalmente opostas, porque afogar aos colectivos máis necesitados e atacar os seus dereitos sociais e sanitarios non é a solución á crise.”
“Nun contexto como o actual -concluíu Veiga- é preciso e posíbel apostar polas políticas sociais como estamos a demostrar desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ao tempo que conselleira Mato vén a Lugo a vender fume dando cifras e datos que non se corresponden coa verdade, nós falamos de realidades como este programa Tempos do que na súa edición anterior se beneficiaron 3.000 lucenses. O Goberno galego afirma que incrementou un 2,5 por cento o investimento en benestar na provincia cando nós aumentamos o investimento social un 12 por cento en xeral e hai partidas orzamentarias que se incrementaron neste ano un cen por cen como a dedicada ao Servizo de Axuda no Fogar. A crise e o déficit son un pretexto do Partido Popular para aprobar políticas depredadoras como a Lei de Estabilidade Orzamentaria que limita o gasto das administracións públicas. Senón existise esta normativa, a Deputación lucense podería por en marcha máis proxecto como Tempos.”