O novo presidente do Partido Popular de Foz, Javier Jorge Castiñeira, manifestou que este cargo lle supón “unha satisfacción enorme e unha gran responsabilidade” ó tempo que agradeceu o traballo realizado pola xunta xestora durante estes últimos catro anos.
Foz 10 de maio de 2013.- Os afiliados do PP de Foz nomearon esta tarde a Javier Jorge Castiñeira, rexedor do municipio, presidente da agrupación do PP en Foz. Unha decisión que se adoptou nun congreso local, celebrado na Casa da Cultura do municipio e no que estiveron presentes o secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, o presidente provincial, José Manuel Barreiro e o secretario do PPdeG, Alfonso Rueda; así coma outros cargos públicos electos do PP na zona.
Co conclave de hoxe culminouse un proceso de refundación da agrupación, que arrancou no ano 2009, cando a dirección provincial nomeou unha xestora, composta por 25 persoas e con Ramón Fernández á cabeza, que asumiron as rendas do Partido Popular de Foz. Esta tarde, o ata de agora presidente, cedeu a testemuña ao actual rexedor e á persoa que encabezou a candidatura que obtivo maior respaldo electoral entre os veciños deste concello: Javier Jorge Castiñeira.
Despois do congreso do Partido Popular de Foz, o novo presidente do comité local, Javier Jorge Castiñeira, manifestou que o cargo suponlle “unha satisfacción enorme e unha responsabilidade máis” e fixo público o seu “máximo agradecemento, por suposto, a toda a xestora que estivo durante estes catro anos, que me acolleu como un membro máis, que me facilitou moitísimo o traballo, que recoñeceu ese labor tamén pero que respectou todas as decisión que se foron tomando no seu momento. É de valorar ese traballo dunha xunta xestora que durante 4 anos o único que buscou foi o mellor para o Partido Popular de Foz sen ningún afán personalista nin ningún obxectivo máis que o bo para o PP de Foz. Así o fixeron.”
Javier Castiñeira engadiu que “os obxectivos fóronse cumprindo: primeiro cadrar unha situación difícil no ano 2009, cando houbo varias dimisións dentro do grupo municipal e tamén no propio comité local; a partir de aí buscar un candidato, que tamén foi un obxectivo cumprido; chegar ao goberno municipal e despois ter éxitos electorais como os que se tiveron tanto nas eleccións municipais como tamén nas autonómicas e nas nacionais; e o obxectivo definitivo, posto isto enriba da mesa, era precisamente chegar a facer un comité local con unha seguridade de continuidade. Polo tanto o meu máximo agradecemento e isto ten que seguir tratando de buscar unha integración por parte de todos os membros do Partido Popular de Foz”.
Castiñeira agradeceu tamén “a presenza no acto de hoxe do secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda; de José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro, os responsables máximos do Partido Popular de Lugo; a todos os compañeiros da corporación e aos alcaldes, deputados e senadores que estiveron no día hoxe con toda a familia do Partido Popular focense”.
“Espero non defraudar e o obxectivo desta nova andadura é seguir unidos, loitando todos xuntos e seguir dando a cara polo que son os valores e as formas de facer política do Partido Popular, que nunca foi especulador nin cambiante e nese caso creo que o tempo nos dará a razón”, rematou o novo presidente do PP de Foz.
A lista liderada por Jorge Castiñeira, que foi a única presentada ao congreso, consta dos seguintes integrantes: secretario xeral, Juan Rivas Nécega; vocais electos, Pedro Fernández Manín, Mercedes González Alonso, María Teresa López Rego, José Ángel Paleo Soto; vocais: Ramón Fernández Fernández, Manuel Martínez Chao, Dolores Fernández López, Pablo Fernández Asensio, José Soto Peña, Ramón Martínez Gómez, José Saa Saa, José Ramón Rodríguez Eijo, José Blanco García, Normando Leivas Rodríguez, José Carlos Paleo López, Mari Fe López López, Antonio Javier García Pérez, Remigia Verdura Montero, María Fernanda Pérez Rodríguez, Ángel Cao Pérez, Dolores Teijeria Fernández, Helena Estoa Díaz, Verísima Eiroá Couto; Novas Xeracións: Roberto Fernández Pena e Isabel Martín Lestegás.
Coa de hoxe, é a terceira cita destas características celebrada a nivel local dende o conclave provincial do PP.
Biografía e traxectoria do presidente do PP local de Foz
Natural de Foz, naceu no ano 1974. Está casado e ten dous fillos. É arquitecto técnico pola Universidade de A Coruña. Afiliado ao Partido Popular dende o 11-05-2010, dende xuño de 2011 é alcalde deste concello da Mariña.



















Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



