Os usuarios e usuarias da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña ofrecéronlle á gardameta laranxa Patri un festexo polo dobrete da Liga e da Copa de España. O colectivo brindoulle un gran recibimento á xogadora hai uns días no seu centro de Burela, onde Patri realiza xornadas de voluntariado de atención sociosanitaria dende o mes de xaneiro.
Xunto á porteira, tamén compartiu a festa cos integrantes da asociación o director da ED EON Burela FS Alfonso Mera. Todos os usuarios e usuarias puideron ver a prezada Copa e fotografarse con ela.
A presidenta da asociación, Iris Castro, e a coordinadora de Burela, María José Nóvoa, fixéronlle entrega á homenaxeada de dous agasallos en recordo dos títulos, elaborados polos membros do colectivo. Patri quixo mostrar o seu agradecemento regalándolle ao centro unha camiseta co seu dorsal tamén para a lembranza.