Barreiros, 14 de xuño de 2013. O BNG de Barreiros saíu ao paso das declaracións do Vicepresidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), que concede as bandeiras azuis, acusándoo de participar e tentar condicionar o debate político de Barreiros. Ademais, a portavoz do BNG en Barreiros, Ana Ermida, sinala que “varias das afirmacións que sostén este señor non son certas, como as referidas, para empezar, a que en Cangas goberna o BNG; á dureza doutras ordenanzas ou á prohibición da Lei de Costas de acceder con mascotas aos areais. Polo menos, neste caso faise referencia a ordenanzas de praias galegas- ironizan os nacionalistas- pero se leu as ordenanzas das que fala verá que en dúas delas se regula, precisamente, o dereito a acceder con mascotas ás praias”, sinalan os nacionalistas.
Para o BNG de Barreiros, o señor Palacios e a entidade que representa, deberían preocuparse máis pola situación dos areais e do seu contorno e “puido terse manifestado cando o ano pasado se denunciou un verquido nunha praia distinguida con Bandeira Azul ou cando a costa se estaba a encher de cemento.”
Ademais os nacionalistas recoméndanlle a José Palacios que “se quere participar do debate político en Barreiros, concurra nalgunha candidatura nas vindeiras municipais e non o faga desde un posto que, en teoría, debería gozar de certa neutralidade; xa que a asociación que representa é unha entidade privada e non unha institución gobernamental. Ademais, parece que o señor Palacios non coñece moi ben a norma presentada en Barreiros, xa que as sancións que contempla poden chegar aos 3.000 euros e non só aos 1.500 dos que el fala.” Neste sentido, a portavoz nacionalista considera que “antes de parabenizar a uns ou criticar a outros, debería coñecer con exactitude de que é do que está a falar.”
O BNG recorda que “o distintivo Bandeira Azul pode ser positivo no referido á promoción turística, pero non se pode obviar que é un galardón que se outorga atendendo a criterios, fundamentalmente de calidade da auga e aos servizos en época estival, obviando outras cuestións e incluso poñendo en perigo o contorno e os ecosistemas litorais. Ademais, este galardón fai unha clara aposta pola urbanización, xa que logo cementación, de espazos naturais o que supón que en moitos concellos se realicen prácticas lesivas contra o medio ambiente como o rozas de flora ou limpezas mecánicas.”
“Podería preocuparse Adeac de que o concello de Barreiros conte cun plan de servizos nas praias no que se garanta a adecuación dos servizos, un programa de limpeza óptimo , etc. e de que non se produzan situacións coma as do verán pasado nas que as duchas e servizos dalgunha praias estiveron inutilizables durante días por falla de auga”, conclúen os nacionalistas barreirenses.
Sobre a necesidade do sentido común
O BNG coincide na necesidade do sentido común, pero consideran “que o sentido común non é preciso regulalo e o que hai que facer, precisamente, é usar o sentido común para redactar ordenanzas en xeral e esta en particular, aplicalo na alcaldía e ao xefe do servizo que vaia facer cumprir esta normativa para que este concello non acabe convertido nun condado ao estilo far west.”
“Parece que agora en Barreiros hai unha vaga de ordenación e nos últimos meses apróbanse ordenanzas coma se foran churros. É unha pena que desde o goberno municipal non marquen prioridades e se ocupen de ordenar a desorde máis grande que ten este concello como é o urbanismo”, sinalan desde o BNG.

















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



