Ribadeo, 18 de xuño de 2013. O alcalde, Fernando Suárez, coma portavoz da comisión pro-residencia de maiores para Ribadeo, criticou o desaire que lles está a facer a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, “xa que levamos dous meses agardando para poder reunirnos de novo con ela e facerlle chegar a nosa postura”. Estes días a comisión dirixiulle un escrito á conselleira demandando a colaboración económica da Xunta para que Ribadeo poida contar con esta infraestrutura, unha vez que a Deputación de Lugo xa se comprometeu a ser unha peza fundamental para que este proxecto se converta nunha realidade.
Suárez Barcia asegura que a comisión e o Concello de Ribadeo seguirán a traballar e a realizar máis actuacións para eliminar todos os obstáculos que poidan xurdir e subliña o compromiso de todos os grupos políticos da Corporación Municipal e das asociacións veciñais.
O rexedor deu conta coma portavoz da comisión “desta última xuntanza que mantivemos onte todos os representantes dos grupos da Corporación Municipal e tamén das asociacións de veciños, que estamos traballando unidos desde hai moito tempo para conseguir unha residencia de maiores en Ribadeo, preferentemente para os veciños e veciñas ribadenses e con prezos adaptados ás posibilidades económicas das xentes de Ribadeo”.
Suárez Barcia relatou que “foi unha xuntanza máis, pero acordamos entre todos facer público un desaire que nos están facendo desde a Xunta de Galicia, concretamente a conselleira de Traballo e Benestar. Se facemos memoria, hai meses que tivéramos un encontro con ela onde nos ofrecera unha proposta, sobre a que temos o argumento adoptado e a nosa posición fixada. Querémoslle facer chegar o noso compromiso. Temos pedido, desde hai máis ou menos dous meses, unha entrevista que nunca chega, que nunca se dá”.
O alcalde de Ribadeo e portavoz da comisión pro-residencia de maiores contou que “hai poucos días enviámoslle unha carta amable pero dura dicíndolle que non pode ser que a Deputación Provincial de Lugo, a través do seu vicepresidente, nos confirmara verbalmente e onte, nunha nova xuntanza que mantivo con nós aquí en Ribadeo, mantivo o compromiso de que a Deputación de Lugo será unha peza fundamental no financiamento dunha residencia en Ribadeo, pero precisa que quen ten as competencias lexítimas para iso, que é a Xunta de Galicia, tamén se molle. Desde logo polo Concello tampouco vai quedar sen que poña a súa parte correspondente de financiamento, sacándoa de onde poidamos, pero que non sexa a escusa a capacidade económica do Concello”.
Fernando Suárez indicou que “ata agora desde a Xunta ninguén nos dixo a máis mínima consideración polo que desde o Concello seguimos traballando e proximamente haberá máis actuacións ao respecto. Continuamos para eliminar calquera escollo posible, calquera obstáculo que poida haber desde o punto de vista municipal ou urbanístico para poder facer realidade unha residencia que veña a dar máis prazas que as que Ribadeo ten actualmente. Vivímolo día a día porque moita xente quere pasar os últimos momentos da súa vida en Ribadeo, pero as posibilidades da residencia municipal que temos actualmente son moi limitadas, porque ten 45 prazas, e moitas veces a oferta que o Goberno galego destina é en sitios moi distantes de Ribadeo e dos familiares para que poidan ver con regularidade a esa xente maior. Polo tanto hoxe, máis que nunca, faise necesaria unha nova residencia en Ribadeo”.
O rexedor ribadense destacou “o compromiso de todos os grupos da Corporación Municipal, independentemente da cor política, así como tamén o dos representantes das asociacións de veciños, que estamos todos unidos traballando nisto. Eu sobre o único que teño que posicionarme dunha maneira triste e crítica é coa actitude que está tendo a Xunta de Galicia con Ribadeo. A Deputación Provincial estao facendo o mellor que pode e eu o único que lle quero transmitir á cidadanía é que seguiremos traballando para que a pesares da falta de compromiso da Xunta Ribadeo poida contar cunha nova residencia para persoas maiores. Seguiremos removendo ceo e terra e traballaremos contra vento e marea para que esa instalación sexa unha realidade”.
Na carta remitida á conselleira de Traballo e Benestar desde a comisión explícanlle, entre outras cousas, que “os cálculos económicos que os técnicos municipais teñen elaborado superan un chisco os dous millóns de euros, polo que, para unha solución exitosa desta situación, entendemos que a súa Consellería debería aportar cando menos un 40 por cento desa cantidade, sufragando o resto a Deputación Provincial e o Concello de Ribadeo, este último nunha parte menor, debido ás limitadas posibilidades económicas”. E insisten en solicitarlle unha vez máis “unha xuntanza sen máis demora para abordar todas estas cuestións”.





















O Grupo Sargadelos adquiriu todos os bens inmobles, maquinaria e fondo de comercio de Burelarte S.L. As naves, de máis de 3.000 m² e os terreos anexos, con máis de 4.000 m², destinaranse a ampliar e mellorar a capacidade produtiva das empresas do grupo. Ademais, Sargadelos integrará a maior parte da plantilla de Burelarte e tentará manter viva a marca BurelaRTe, recoñecida pola súa calidade no gres porcelánico, sempre que a autoridade laboral o permita.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro Adrián Arias non quixeron perderse a cita e foron os encargados de facer entrega dos premios ás persoas gañadoras, felicitando a todos os participantes polo seu esforzo e polo gran nivel demostrado durante a competición. Desde o Concello de Cervo expresaron o agradecemento á Asociación Cabaleiros da Bidueira polo excelente traballo de organización, así como a todas as persoas colaboradoras, participantes e público asistente que fixeron posible o éxito desta terceira edición.
Polos micrófonos pasaron entre outras as concelleiras de Cultura e Turismo: Begoña Sanjurjo e Marta Saíz; o alcalde, Dani Vega; a pdta de Acisa, Carmen Cruzado; a dtra da Coral Polifónica de Ribadeo, Mari Carmen Rdez Cancelo; a pregoeira, María Xosé Porteiro ou Ángel Terry, membro do afamado grupo de son cubano, Estrellas de Buena Vista y más que foron os encargados de pechar o evento na xornada do domingo.
Nesta ocasión contará, ademais de cos anfitrións A Subela, como grupo convidado ao Grupo Folclórico e Etnográfico do Cimeiro, procedente de Soure, en Portugal, que participa dentro dun intercambio cultural. A organización destaca que será unha edición especialmente significativa e anima ao público a non perdela. Terá lugar o 18 de xullo, ás 21:00 horas, na Praza Conde de Fontao, de Foz.
María José Gómez, participou este sábado nos actos de celebración do XI Ribadeo Indiano.
Con este xesto, o Concello quere expresar o seu máis fondo pesar e trasladar toda a súa solidariedade e apoio ás familias das vítimas, ás persoas afectadas e a toda a veciñanza, compartindo a dor por esta inmensa traxedia.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.



