José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, reuniuse hoxe en Betanzos coa militancia das mariñas betanceiras para presentar o seu proxecto de partido e recoller ideas. O socialista falou dos principias retos dos socialistas e de Galicia, e puxo sobre a mesa medidas para avanzar nunha “necesaria rexeneración democrática”. Nesta liña, apostou por “camiñar cara procesos electorais máis democráticos, transparentes e acordes coa actualidade”.
Gómez Besteiro considera “un absurdo” seguir “despilfarrando” cos envíos postais masivos de papeletas, polo que propón que só as haxa nos colexios electorais e que os votantes as collan in situ para meter a elixida na urna. “Esta fórmula aportaría tamén maior transparencia e dificultaría prácticas pouco éticas que seguen a darse na actualidade” –en referencia ao coñecido como carrexo-.
Voto electrónico
Por outra banda, Besteiro abriu a porta tamén a iniciar a exploración de vías que deben marcar o futuro, como o perfeccionamento dun sistema de voto electrónico co que “atopar a fórmula que permita mellorar o acceso de todos ao proceso democrático dun xeito eficaz e con garantías de limpeza”.