Ribadeo, 8 de xullo de 2013. A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo volverá reunirse coa conselleira de Traballo e Benestar o vindeiro 9 de setembro. Ese día coñecerase o grao de implicación da Xunta neste proxecto, segundo relataba este mediodía o alcalde, Fernando Suárez Barcia. “Ata hoxe o goberno autonómico só falou da posibilidade da concertación de prazas para un número de usuarios, algo que non lle serve á comisión porque non lle dará prioridade aos veciños e ás veciñas de Ribadeo”, explicou.
Despois de saír do encontro celebrado en Santiago na mañá deste luns, o rexedor quixo “dar conta con absoluta transparencia precisamente para que sexan os veciños e as veciñas deste concello as testemuñas desta circunstancia, deste proxecto no que estamos a traballar desde o Concello con moito esforzo para ter unha nova residencia para os nosos maiores en Ribadeo”.
Suárez Barcia lembrou que “despois de bastante tempo de ter pedido audiencia coa conselleira e despois de terlle enviado varios escritos finalmente, aínda que bastante tarde, nos recibía esta mañá e foi alí, en Santiago, onde lle explicamos todos os deberes aos que nos comprometemos na anterior xuntanza. Pola nosa parte cumprimos amplamente xa que contamos co compromiso verbal da Deputación de Lugo en colaborar co financiamento importante para construír esta residencia e temos os terreos necesarios para poder levantar esta infraestrutura nas antigas vivendas dos profesores. De feito no último pleno celebrado no Concello eliminamos todos os posibles obstáculos que puidese haber neste sentido”.
O alcalde ribadense indicou que “a conselleira Beatriz Mato volvía insistir no encontro desta mañá en que a Xunta só se podía comprometer a financiar o concerto dunha serie de prazas. É algo que non nos parece axeitado porque o concerto de prazas non lle da prioridade aos veciños e veciñas de Ribadeo. E poño como exemplo o caso de Viveiro, onde hai unha residencia pública que ten 150 prazas, pero para os de Viveiro só están ocupadas 10 a día de hoxe”.
Para Fernando Suárez Barcia “sería terrible que quen as competencias en materia de benestar social, que é a Xunta, non puxera nada e se quedara parapetado nun concerto posible de prazas, deixando que o Concello se busque a vida para construír unha residencia que está cifrada nuns 2,3 millóns de euros. Foi nese momento cando nos pediu algo máis de prazo, pero o máximo que podemos asumir é o día 9 de setembro. Xa pechamos ese encontro que será ás 12 da mañá para que a Xunta nos dea finalmente unha resposta, si a ten, de poñer diñeiro enriba da mesa e corresponsabilizarse da construción da residencia e non deixar sos á Deputación e ao Concello, porque puidera ser inviable que entre estas dúas administracións se puidese levar adiante esa infraestrutura”.
O rexedor de Ribadeo explicou que “aceptamos esa data, pero con condicións: primeiro, desde o Concello seguiremos a nosa folla de ruta no sentido de que xa estamos a redactar o proxecto, que precisará de autorización autonómica con independencia de si a Xunta pon ou non diñeiro, pero si que o ten que autorizar. Seguiremos traballando, nos vindeiros días rematarase a redacción dese proxecto e enviarase á Xunta para solicitar a autorización correspondente. E en segundo lugar, traballaremos para materializar coa Deputación de Lugo os compromisos económicos e forzar tamén para a Xunta para que, chegado o 9 de setembro, non lle quede máis remedio que poñer cartos enriba da mesa”. E engadiu que “agora argumentan que neste 2013 non teñen diñeiro, pero lembreilles en nome da Corporación aquel principio de que si se quere pódese, e si queren colaborar con Ribadeo o que teñen que facer é un convenio plurianual que garanta desde o 2013 o apoio a esta demanda lexítima. Se non teñen moito diñeiro para este ano que poñan pouco e que poñan a diferenza no 2014, pero non queremos dilación e non queremos que este xaque desta partida de xadrez no que nos atopamos se converta nun xaque mate. Cremos que é de recibo que a Xunta se comprometa con Ribadeo ao igual que o está a facer con outros concellos da Mariña”.



















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



