O PSdeG considera “indignante” que os alcaldes de Burela e Cervo presuman de participar nun plan de aforro enerxético da Xunta polo que tiveron que pagar 30.800 euros (un 30% do orzamento total), cando rexeitaron sumarse a un programa provincial “que lles resultaba totalmente gratuíto; que é moito máis amplo e ambicioso, pois, ademais da dotación de equipamentos técnicos, inclúe unha auditoría para optimizar o consumo, cun prezo no mercado que chegaría ós 10.000 euros; e que resulta máis sinxelo para os concellos, pois a Deputación ocúpase de todos os trámites”. O coordinador comarcal dos socialistas na Mariña, José Ramón Val, explicou neste senso que, “a pesar dos seus intentos por ocultalo”, o programa “que veu vender onte o conselleiro de Economía á comarca supón un gasto para os concellos do 30% do proxecto, mentres que a Xunta asume o 70%, e obrígaos a agruparse para obter a iniciativa”.
Ademais, engadiu o deputado autonómico, os materiais subministrados a través do plan impulsado pola Deputación, do que se benefician 37 concellos da provincia, “son moito máis diversos”, pois mentres o da Xunta se cinguiu en Burela e Cervo a lámpadas, “o provincial permite máis aforros coa dotación de varios tipos de dispositivos de baixo consumo”, tales como reloxos astronómicos que serven para programar o acendido do alumeado de maneira automática, descargadores trifásicos para evitar picos de tensión eléctrica, redutores de fluxo de luz, válvulas termostáticas, programas de rego ou detectores de presenza.
O socialista cre deste xeito que os alcaldes de Burela e Cervo “débenlle unha explicación ós veciños; merecen saber a razón pola que, cos recursos económicos tan mermados como están nas arcas municipais, preferiron gastar cartos nun proxecto que puideron ter de balde e con mellores condicións”.