Manuel Dios Diz.- Cada 21 de Setembro, desde 1981, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama á cidadanía global, ás institucións públicas, e dun modo especial, a escolas e docentes, a celebrar o Día Internacional da Paz, máis coñecido como Peace Day (Ver a Resolución 36/37). Foi en 2001 cando a ONU estableceu que ese mesmo día fose declarado de alto o fogo en tódolos conflitos a nivel mundial (Resolución 55/282). Son dous magníficos documentos sobre os que reflexionar co noso alumnado.
Certo que a maioría dos medios de comunicación non dedican nin un pequeno espazo a estes asuntos. A Cultura da Paz, é verdade, non vende periódicos. Tampouco chama pola publicidade. Ten moita máis audiencia a cultura da violencia, da forza, do músculo. Chega con ver o tempo que as teles dedicaron onte a promocionar as ventas do videoxogo máis caro da historia, violento e sexista, para comprender que a paz, a concordia, o entendemento, son valores que hoxe non cotizan en bolsa.
En Galicia e no conxunto do Estado, convimos hai xa case que 30 anos, que o 21 de Setembro non era a mellor data para celebrar o Día da Paz nas escolas xa que, neste barrio do planeta, estamos a comezar o curso, os cativos e cativas aínda andan a tomar contacto coas aulas, e o profesorado tamén. Parecía razoable buscar unha data máis acaída. Foi así que o movemento de educadores e de educadoras para a paz, por iniciativa de Llorenc Vidal, decidimos escoller o 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, como Día Escolar pola Paz.
En calquera caso, como lembra Nacións Unidas, tódolos días do ano son bos para reflexionar e actuar a prol da tolerancia e o respecto mutuo, na procura dun mundo máis xusto e máis humano, máis pacífico, que valore positivamente a diversidade étnica, cultural, relixiosa, a nonviolencia, e a resolución pacífica dos conflitos.
O chamamento ó remate das hostilidades nas frontes de batalla, nas guerras de guerrillas e demais accións armadas, aínda que somentes fose por un día, probablemente non será escoitado, a pesares de que as demandas de paz universal son cada vez máis clamorosas entre a cidadanía e a sociedade civil en todo o mundo.
O Secretario Xeral da ONU, con ocasión deste día, fixo un novo chamamento (Ver. http://www.un.org/es/events/peaceday/2013/sg_message.shtml) no que pide á cidadanía que, a mediodía, hora local, gardemos un minuto de silencio en honor das vítimas que perderon a súa vida en situacións de conflito, tamén polas que teñen sobrevivido e sofren as consecuencias.
Nesta ocasión, Nacións Unidas quere resaltar o papel da Educación para a Paz, clave para fomentar a cidadanía mundial e construír sociedades pacíficas, porque, como temos reiterado tantas veces, non hai paz, sen educación para a paz.
O Seminario Galego de Educación para a Paz leva -desde 1985- traballando nas aulas e na sociedade, para promover os valores cívicos e democráticos na escola, os dereitos humanos, a convivencia, a interculturalidade, a igualdade entre homes e mulleres…, impartindo cursos de formación do profesorado, organizando encontros e xornadas, publicando materiais e libros de texto, unidades didácticas sobre os contidos e as metodoloxías da Educación para a Paz (Ver: www.sgep.org), documentais, curtas de ficción sobre o acoso escolar, recursos, contos, teatro, teatro de sombras, xogos e dinámicas de aula, celebrando o Día Escolar pola Paz e, cada día, transversalmente, nas materias de Educación para a Cidadanía, de Ética Cívica, de Filosofía, nas horas de Titoría, co Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, por medio da educación afectivo emocional porque cremos firmemente que son os afectos e os sentimentos os mellores antídotos contra das violencias.
Quizais non consigamos que o 21 de Setembro rematen as hostilidades armadas, nin sequera que o minuto de silencio sexa maioritario ou significativo, ou que a Cultura da Paz teña maior presencia nos medios. Sen embargo, cada un de nós, co noso comportamento, na nosa aula, na nosa casa, cos nosos fillos e fillas, dentro do noso propio corazón, poderemos empezar a construír un mundo diferente.
A paz é unha demanda universal cada día máis sentida. A oposición á guerra avanza. Contra todo prognóstico a Cultura da Paz medra. Somos moito máis sensibles e intolerantes coas violencias do que nunca antes na historia da humanidade. Aínda que non o pareza lendo os titulares cada mañá, somos moito máis pacíficos que os nosos antecesores. E o seremos moito máis aínda. Abolir a guerra estase convertendo nun imperativo ético do século XXI. Como dicía Newton, construímos demasiados muros e non suficientes pontes.
Das súas espadas farán reixas de arados e das súas lanzas, fouces. Non levantarán a espada uns contra outros nin se exercitarán para a guerra, dicía Isaías, hai tantos anos. Hoxe os dereitos humanos e sociais, toda a arquitectura lexislativa construída a escala planetaria, a xustiza universal, con tanto esforzo, son un referente ético para a cidadanía.
Dicía María Zambrano que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, unha maneira de habitar o planeta, unha forma de ser persoa.
Educar para a Paz é, antes que nada, un acto de amor para co noso alumnado. O Manifesto de Sevilla (1986), feito propio pola UNESCO, afirma: A guerra e a violencia non son unha fatalidade biolóxica. Podemos poñer fin á guerra e ós sufrimentos que conleva. Non con esforzos illados, senón con accións comúns. Si cada unha, cada un, pensa que é posible, entón será posible. Os nosos antepasados inventaron a guerra. Todos nós podemos inventar a paz.
Federico Mayor Zaragoza, ex- director xeral da UNESCO, dixo nunha ocasión que “A aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz”. Nada máis certo. Educando e practicando a democracia. Porque a democracia é precisamente o único sistema político que non pode impoñerse desde arriba ou desde un centro. Erran quen pensan que a democracia pode promoverse a base de bombazos.
Neste 21 de Setembro, Peace Day, lembremos ás vítimas, ós máis de 100.000 mortos en Siria, ós millóns de desprazados. Pensemos nos nenos e nenas, nas mulleres, nos anciáns, na poboación civil, a principal afectada polas guerras modernas. Saudemos o acordo entre Rusia e os EE.UU, si impide a intervención militar norteamericana. Destruamos o armamento químico, todo, o que existe en Siria e o que fabrican e venden os estados máis poderosos para beneficio do complexo militar industrial, o gran dominio. Paremos a guerra. Abramos negociacións multilaterais de paz. Promovamos o diálogo e o entendemento entre os pobos. Impidamos a venta de armas ás partes en conflito. Deixemos de alimentar a confrontación armada e as caldeiras de odio. Demos unha oportunidade á paz. Fagamos as paces. Peace Day.
Manuel Dios Diz
Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org


















Estes recitais, protagonizados por músicos da contorna, nunca defraudan. Sen grandes nomes internacionais, pero cunha sensibilidade musical exquisita, ofrecen sempre unha experiencia artística de gran calidade. Por iso, quen asista gozará dunha nova xornada dentro do Programa Adral, que a Xunta de Cofradías promove con tanto entusiasmo.
O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.



