Lugo, 02 de outubro de 2013.- O Partido Popular de Lugo denuncia que o bipartito da Deputación Provincial, liderado por José Ramón Gómez Besteiro e Antón Veiga, adebeda aos concellos da provincia preto de 5,5 millóns de euros do SAF Básico durante as anualidades 2012 e 2013.
Os populares explican que estas cifras son froito de que a administración provincial lucense está á incumprir a normativa vixente en materia social e de benestar e, moi en concreto, en relación co financiamento obrigado por lei dos servizos municipais de axuda no fogar, converténdose na única Deputación galega que desoe o actual precepto legal.
Dende o Partido Popular lembran que o bipartito provincial chega ao absurdo de incumprir unha Lei -a 3/2008 de Servizos Sociais- que socialistas e nacionalistas aprobaron en 2008 durante a súa etapa de goberno na Xunta. Tanto esta lei como a normativa que a desenvolve (Decreto 99/2012) establecen a obriga de que as Deputacións acheguen os recursos suficientes para financiar nos concellos de menos de 20.000 habitantes o servizo de axuda no fogar básico (persoas dependentes) e a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.
Deste xeito, o bipartito provincial deixa sen cubrir o total do custe do SAF Básico, achegando meras contías económicas que os populares tachan de “calderilla” en función do que estarían obrigados a pagar por lei, e que non garanten este servizo na provincia. Tanto é así que os populares exemplifican que en 2013, a administración provincial cubriu só 17 euros de cada 100 que estaría obrigada a achegar por lei.
Unha situación que repercute nas arcas municipais e nos usuarios pese a existir dispoñibilidade orzamentaria na Deputación de Lugo
Este incumprimento da Deputación Provincial de Lugo reflicte de forma negativa nos concellos da provincia que se ven na obriga de asumir con cargo aos seus orzamentos a contía económica que Gómez Besteiro e Antón Veiga se negan a sufragar aos municipios.
Tanto é así que estes preto de 5,5 millóns de euros tiveron que ser achegados ou polo concello ou polos usuarios dado que, en algúns casos, esta pésima xestión do equipo de goberno provincial provocou o incremento das taxas a pagar polas veciños.
Os populares censuran estar ante uns nefastos xestores xa que aínda que existen recursos suficientes para financiar este servizo, non son capaces de investilos, ao deixar no 2011 máis de 140.211 euros sen executar na área de Benestar.
Gómez Besteiro prioriza a súa proxección pública a garantir o Benestar na provincia
Mentres desatende esta obrigación que lle vén imposta por lei, Gómez Besteiro e Antón Veiga si destinan inxentes cantidades de diñeiro para outras accións é o caso de gastos en propaganda ou en actos protocolarios.
Polo tanto, Gómez Besteiro e Veiga están obrigados por lei a sufragar o SAF Básico nos concellos de menos de 20.000 habitantes, dispoñen de diñeiro para facelo, pero prefiren deixar estas partidas sen executar ou investilas noutras áreas que permiten unha mellora na proxección pública do presidente socialista.
O actual presidente provincial destina 1,2 millóns de euros, -partida de propaganda e actos protocolarios-, a mellorar a súa imaxe a costa do diñeiro dos lucenses, mentres os máis necesitados se ven esquecidos por unha goberno provincial insensible que amosa non interesarlle nin os maiores, nin os dependentes.

















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



