Foz, 04 de outubro de 2013. O Concello de Foz arranxará estradas rurais de Santa Cilla e Vilaronte cunha subvención de 43.000 euros concedida pola Consellería de Medio Rural e ten solicitada outra axuda á Xunta, concretamente á Consellería de Presidencia, para mellorar viais doutras parroquias, como Cordido e Cangas.
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural, Pedro Fernández Manín, explicou este venres que o Concello de Foz “está a preparar o proxecto para arranxar camiños cunha subvención da Consellería de Medio Rural, que ascende a 43.014 euros. O proxecto que estamos a elaborar vamos enfocalo concretamente ás parroquias de Santa Cilla, para rematar o máis imprescindible, e de Vilaronte, á que ata o momento non destináramos practicamente ningún fondo. No barrio de Mañente vamos arranxar, porque o firme está completamente desfeito, a estrada que vai desde a Nacional 642 á baixada a Fondás. Despois melloraremos os accesos ao barrio de Catarou, en Santa Cilla, e a estrada que hai desde a fonte de Neixas ata A Pedra. Son camiños asfaltados pero o firme está totalmente desfeito e ademais limparemos completamente as cunetas”.
Pedro Fernández Manín comentou que ao goberno municipal gustaríalle poder facer máis obras deste tipo, pero “é imposible dado que o Concello está nunha situación económica difícil e entón non podemos facer máis de momento”. Pero tamén anunciou que está solicitada outra subvención a Xunta, concretamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para arranxar estradas noutras parroquias, “como son os accesos ao barrio de Ribela, en Cangas; ou a estrada que vai desde o Eixo a Morás, en Cordido, entre outras, como a estrada que vai desde a LU-151, en Teixeira, ao Alto do Santo por Transmonte, que está completamente desfeita pola saca de madeira.”
O concelleiro de Medio Rural destacou que “as únicas subvencións que temos no Concello de Foz para estas obras son parte das consellerías da Xunta” e rematou manifestando que “intentaremos facer o máximo posible, pero debe recoñecerse que os tempos son moi difíciles”.