O Consello Local do BNG cualifica como “unha enorme perda para Burela e para todos os galegos e galegas, a saída do torques e de toda a colección de ourivería castrexa do Museo Provincial de Lugo e rexeita o cinismo e a demagoxia do PP neste asunto, desviando a atención para tentar ocultar que eles foron os responsábeis directos da situación á que se chegou a día de hoxe”.
O pasado día 24, a familia Álvaro Gil procedeu ao levantamento do legado que o filántropo lucense depositou no seu día no Museo Provincial para que estas xoias do noso patrimonio arqueolóxico fosen expostas publicamente e para que estivesen custodiadas nunhas condicións axeitadas que asegurasen a súa correcta conservación.
Desde o BNG de Burela somos coñecedores do grandísimo esforzo que se fixo desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo nestes últimos meses e lamentamos que non fose posíbel chegar a un acordo coa familia ao non aceptaren a proposta de adquisición apresentada pola Deputación. O patrimonio arqueolóxico é un ben cultural de interese xeral que debe estar por enriba de intereses económicos particulares e nese sentido, cremos que non se xustifican as esixencias dos herdeiros de Álvaro Gil. Lamentamos que finalmente optasen por retirar as pezas do Museo Provincial para levalas fóra da Galiza, sen ter en conta o esforzo feito pola Área de Cultura e a enorme perda que iso supón para todas e todos os lucenses.
O torques de Burela e demais pezas de ourivería castrexa teñen un importante valor cultural e identitario para todos os galegos e galegas, especialmente para os veciños e veciñas de Burela e de toda a provincia, que senten como súa esta peza arqueolóxica. O torques de Burela é o de maiores dimensións atopado até o momento na Galiza e por ese motivo debe estar exposto ao público de forma permanente como estivo até agora, e non na caixa forte dun banco madrileño.
Por outra banda, consideramos completamente errada e irresponsábel a postura que está a manter o PP de Burela a este repecto, co Sr. Barcia á cabeza, tentando capitalizar este asunto con claros intereses partidistas. Unha vez máis, o PP está a manter un discurso demagóxico e xogando ao engano para culpabilizar aos demais dos seus propios erros. O Partido Popular non está lexitimado para esixir responsabilidade política algunha, pois non hai que esquecer que o litixio se iniciou hai 14 anos, baixo o Goberno de Cacharro Pardo, sendo incapaces de xestionar este asunto pola vía do diálogo e deixando unha herdanza envelenada ao actual Goberno Provincial.
O que non din o Sr. Barcia e a Sra. Candia é que o propio Grupo Provincial do PP acordou en pleno, xunto aos demais grupos políticos, dar o seu apoio á Deputación Provincial para que exercese todas as accións legais oportunas para manter as pezas no Museo. No canto botar balóns fóra, o que debera facer o Sr. González Barcia é trasladar o seu apoio á Deputación e preocuparse máis polo estado no que se encontra o patrimonio artístico e arqueolóxico en Burela, e deixar de chamar a atención en Lugo sobre aspectos que descoida no seu propio concello. A día de hoxe non sabemos absolutamente nada sobre o hipocausto de Castrelo e as pinturas murais da Vila do Medio continúan esmorecendo sen que desde o Concello se tome ningún tipo de medida que aseguren a súa conservación. O propio alcalde, sendo fiel ao seu particular estilo de atender as propostas e demandas dos nosos vecinos e veciñas, rexeitou incluír nos asuntos do pleno a proposta formulada polo Colectivo Buril para apoiar a declaración das pinturas da Vila do Medio como Ben de Interese Cultural. Esta é a forma de entender a defensa do patrimonio do Sr. Barcia, culpando aos demais de erros que non cometeron e ollando para outro lado mentres o patrimonio de Burela esmorece ante o pasotismo dun Goberno Municipal totalmente irresponsábel.



















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.



